Burela, 19 de novembro de 2018. Hoxe deron comezo en Burela as obras para cambiar o peche das pistas de tenis da Marosa. O investimento ascende a 10.000 euros procedentes de fondos propios. O concelleiro de Deportes, Ramiro Fernández Rey, asegurou que o equipo de goberno segue a traballar polo deporte “e apostando firmemente por el”.
O edil burelés anunciou “desde a Concellería de Deportes do Concello de Burela que se iniciaron as obras para cambiar o peche das pistas de tenis, que estaba moi deteriorado porque se atopa nunha zona onde o salitre e o vento traballa moito. Por iso hai que poñer un peche novo, que vai ser unha malla de torsión e uns postes con máis durabilidade, co cal entendemos que para uns anos as pistas de tenis van quedar completamente listas e pechadas”.
Fernández Rey subliñou que “é un investimento de máis de 10.000 euros, que fai o Concello de Burela con fondos propios. Era un compromiso que tiña esta Concellería co club de tenis da Marosa, que conta con máis de 100 socios e que organiza ligas de verán e de inverno, copa e tamén o Memorial José Luis Yebra. É un club moi activo, que move moita xente e o noso compromiso era ese e imos cumprilo”.
O concelleiro de Deportes lembrou que “xa fixéramos unha iluminación das pistas de tenis, con outro investimento moi importante, que roldou os 20.000 euros, co cal podemos dicir que neste mandato foi no que máis se investiu nesas instalacións da Marosa, que van ser a envexa de toda a provincia de Lugo”.
Ramiro Fernández engadiu que “seguimos traballando para mellorar as instalacións deportivas e xa podo anunciar que en breve empezaremos a cambiar a iluminación do campo de herba artificial, que era outra solicitude que tiñamos neste caso da Sociedade Deportiva Burela. Isto demostra que seguimos traballando para mellorar o deporte en Burela e apostando firmemente por el”.