Site icon Crónica3.com A Mariña

Daniel Vega destaca o compromiso da Xunta coa formación para a mellora da calidade do emprego na Mariña

A Mariña. 23, novembro, 2018. O deputado autonómico popular da Mariña, Daniel Vega, asegura que “a formación garante a calidade do emprego”. E, nese sentido, a Xunta de Galicia pon en marcha na comarca un total de 6 obradoiros de emprego que combinan formación co desenvolvemento dun traballo efectivo grazas a un investimento de máis de 1,3 millóns de euros dos que se benefician 14 concellos.

Son un total de cinco obradoiros duais os que se puxeron en marcha na Mariña e que lles permiten aos participantes combinar un contrato de formación e aprendizaxe durante nove meses cun contrato adicional de, polo menos. tres meses máis nunha empresa emprazada no mesmo ámbito territorial do obradoiro e cunha actividade vinculada ás súas materias.

Vega recorda que “catro dos obradoiros son compartidos entre varios concellos”. É o caso de ‘Sendas de Burela, Xove e Cervo V’, ‘Serra da Cadeira V’ -que agrupa a Barreiros, Lourenzá, Mondoñedo e Trabada-, ‘Eo-Navia II’ -A Pontenova, A Fonsagrada e Negueira de Muñiz- e ‘Terras do Sor II’ -Muras, Ourol e O Vicedo-. “Ribadeo, pola súa banda, vese beneficiado dun obradoiro en solitario denominado ‘Ribadeo co Camiño’ que conta con 20 participantes”, destaca. A Xunta, a través da consellería de Economía, Emprego e Industria, achega algo máis de 288.000 euros para o desenvolvemento da cada un deles.

Igualmente, Ribadeo contará con outro taller dirixido especificamente a menores de 30 anos en situación de desemprego que “pon de manifesto o compromiso do Executivo autonómico co futuro dos mozos e mozas”, segundo considera o deputado popular. Así, un total de 16 mozos e mozas participarán no ‘DOC TIC II’ durante seis meses grazas á achega de máis de 154.000 euros por parte do Executivo autonómico.

Coa posta en marcha destes obradoiros de emprego na Mariña contrátanse un total de 140 persoas das que 116 serán alumnos e 24 persoal de dirección, monitores e persoal administrativo. As persoas beneficiarias disporán dun contrato de traballo e percibirán un salario durante a súa participación nesta actividade.

Exit mobile version