Site icon Crónica3.com A Mariña

Con Pólvora e Magnolias. “A ditadura da contratación seriada”

A contratación seriada ven a ser a relación xurídica tipo do noso tempo, a que vincula a entidades mercantiles e consumidores e usuarios.
Os contratos mudaron dende o tempo dos nosos avós; antigamente un contrato era un acordo libre entre dúas partes que, establecendo as condicións, decidían obrigarse polo mesmos. O principio reitor de ditas relacións era a “autonomía da vontade”, a liberdade das partes para decidir as condicións ás que ían dar cumprimento.
Nos contratos do noso tempo xa non hai “partes”, senón consumidores; as condicións dos mesmos xa non se negocian senón que veñen predispostas.
Sucedeu coas hipotecas, enmascaradas na súa redacción ían cláusulas abusivas de “suelo”, vencemento anticipado, intereses moratorios ou de gastos que se imputaban só ao consumidor.
Cando no ano 2013 o Tribunal Supremo tivo que facer seu o criterio do Tribunal de Xustiza da UE en materia de consumo (Directiva 93/13 CEE), a discusión ao respecto era a mesma: a devolución das cantidades indebidamente cobradas, con efecto retroactivo, tería un impacto macroeconómico desastroso. Finalmente tivo que aplicarse a lei e, 5 anos despois da “revolución das cláusulas suelo”, o sistema bancario español segue a facer negocio.
O artigo 8 da Lei que regula o Imposto de Actos Xurídicos Documentados di que: está obrigado ao pago do imposto como contribuínte:
“…c) Na constitución de dereitos reais, aquel a cuxo favor se realice ese acto.”
Por tanto, resulta evidente que o dereito real de garantía nun préstamo de hipoteca sempre se vai a facer en beneficio da entidade bancaria. Do mesmo xeito, o suxeito pasivo do imposto só pode ser o banco.
A intervención do Tribunal Supremo para resolver o conflito foi un despropósito indigno que, tería certos tintes cómicos, de non ser polo impacto para o conxunto da xente.
En marzo de 2018 a sala do civil resolve que o Imposto de AXD debe recaer sobre os consumidores, en outubro a sala do contencioso con competencias específicas di que debe ser pagado polos bancos, e a resolución final ten lugar o día 6 de novembro nos termos que todos coñecen. A seguridade xurídica e a credibilidade da máis alta instancia xudicial do estado é hoxe inexistente.

Hai tempo que o Club Bilderberg entendeu que o mecanismo máis eficaz para a defensa dos seus intereses era comprar o estado e revestir todas as súas decisións de legalidade. Coa contratación seriada levan moito camiño andado.

Exit mobile version