No sistema da Restauración fusionáronse os republicanos de Castelar cos liberais e demócratas do sexenio revolucionario e deste xeito artellaron un sistema corrupto e caciquil de quenda bipartidista. En Catalunya, Euskadi e Galicia naceron as primeiras alternativas froito de cadanseus Rexurdimentos, logo dunha catástrofe de Cuba que amosou que o emperador ía espido. No PNV e nas Solidaritat catalá e Solidariedade galega converxen republicanos federais, demócratas e vasquistas, catalanistas e galeguistas. A esquerda española non entendeu o que pasaba.
O PSOE, nado no 1879 de fonda ráigame xacobina, nunca comprendeu a plurinacionalidade española e mesmo chegou pactar coa ditadura de Primo de River para partillar da súa Administración. Na II República os republicanos españois tiveron que conceder por forza a autonomía catalá por terse proclamado antes o Estat català en Barcelona que a República en Madrid. A esquerda republicana española impediu a efectividade do Estatuto vasco até xa declarada a guerra e o referéndum do Estatuto galego até xuño de 1936. Azaña, presidente da República e Largo Caballero e Negrín (PSOE), xefes do Goberno republicano, teimaron en reducir o autogoberno vasco e catalán durante a República.
O PSOE amosábase no 1974 e partidario da autodeterminación das distintas nacións do Estado, mais gobernou dende 1982 deseñando activas políticas recentralizadoras que impediron o desenvolvemento de cadanseus Estatutos galego, catalán e vasco, aprobados no 1979 e no 1980. Aznar e Rajoy seguirían ese ronsel recentralizador e españolizante. O PSOE artellou canda o PP un sistema bipartidista dinástico, coa Coroa como eixo, sementando o café para todos entre as rexións españolas como medio para frear o avance constitucional cara fórmulas de federalismo asimétrico.
No 2014 co xurdimento de Podemos semellaba nacer una forza progresista española que entendía a plurinacionalidade. Mais nos últimos tempos albiscamos a súa recondución ao esquema “patriota” español. Velaí a súa irresponsábel equidistancia diante da crise catalá e a súa inmisión dende Madrid na gobernanza interna dos Comúns cataláns e da galega En Marea.
O problema histórico da esquerda española é que lle mercou e lle segue a mercar á dereita o seu modelo de Estado e a súa ladaíña sobre a suposta existencia dunha Nación española.