Burela, 13 de novembro de 2018. O alcalde, Alfredo Llano, recepcionou hoxe o primeiro material que se encargou para repartir entre os establecementos de hostalería de Burela, manteis e pousa vasos de papel cos logos da campaña En Negro Contra as Violencias, que se repartirán nos próximos días aos establecementos inscritos ata o momento.
Desde o Concello lembran que “se queres participar na campaña Burela en Negro 2018 só tes que enviar un correo electrónico a cim@burela.org cos datos do establecemento (nome e enderezo) e da persoa de referencia (nome e teléfono) ou chámanos ao 982 58 06 09. Tamén poden colaborar o resto de comercios, asociacións…do noso concello. Do 19 ao 25 de novembro poden vestir as súas tenda, comercios, empresa, bar, local… de negro, vestir os manequíns, as mesas, as cristaleiras,…ou a ti mesmo/a de negro. Nós facilitarémosche o material e información que tamén iremos compartindo en redes sociais”.
O Concello de Burela súmase así por segundo ano consecutivo á campaña de denuncia e sensibilización social contra a violencia de xénero #EnNegroContraAsViolencias, compartida este ano por máis de 100 vilas e cidades galegas.
E engaden “ademais, convídamos a toda a cidadanía participar na campaña, a ser axentes activos na loita contra as violencias de xénero e a tinguir de negro Burela, poñendo nas ventás e/ou balcóns prendas negras (mandís, panos, camisetas…). Todos temos o protagonismo das rúas e somos o mellor escaparate para poder transmitir a mensaxe de denuncia e solidaridade: queremos Burela libre de violencia!”.