Site icon Crónica3.com A Mariña

Balance de danos en Viveiro

Viveiro, 22 de novembro de 2018. Na reunión de traballo celebrada no día de hoxe, coa asistencia da Policía Local, Protección Civil e técnicos municipais, realizouse unha posta en común dos danos detectados por cada un dos servizos municipais para continuar coa tramitación e valoración dos danos causados pola riada do pasado domingo; nesta reunión establecéronse, así mesmo, os pasos a seguir coas distintas administracións para establecer as colaboracións e medidas a adoptar.

Nesta xuntanza analizáronse as incidencias producidas e delimitáronse tres área de intervención segundo a gravidade dos danos producidos, establecendo o nivel vermello no barrios da Carrapota e Xunqueira. Fíxose, así mesmo, un primeiro balance das perdas e danos causados, facendo referencia, en primeiro lugar, ao falecemento da veciña de Xunqueira. En canto aos danos materiais e con independencia doutros que poidan xurdir, sobre todo no ámbito rural, detectáronse as seguintes incidencias:
-Viais afectados: Travesia da Marina, Avenida de Galicia, Avenida Ramón Canosa, Avenida de Cervantes, Praza Juan Donapetry, Campo de Urraca, vial de Campo de Verdes, rúa Alonso Pérez, Rego das Frores, glorieta Ecce-Homo, avenida de Cantarrana, Granxas, pista en Alvarelle, inicio da estrada de Vieiro, LU-540 en Xunqueira, baixada a barrio de Xunqueira, acceso á Carrapota, estrada de Fontecoba, estrada da Carreira, estacionamento estación de autobuses, acceso ao muelle de Viveiro, Lodeiro, estacionamento do centro de saúde e estrada de Santo Albites.
– Rúas peonís: r/ Pedro Farto, r/ Margarita Pardo de Cela, r/ 10 de marzo, Praza Maior, r/ María Sarmiento, r/ Pastor Díaz, Praza Fontenova, r/ Vicente Cociña, r/ Melitón Cortiñas e r/ Almirante Chicarro.
– Edificacións ou estruturas públicas: Fonte de Área, lavadoiro de Campo Urraca, xardíns Pontelabrada, ponte de Campo de Verdes, colexio vello de Covas (interior da edificación e muro exterior), pontes dende Carrapota ata hórreo de Xunqueira (cinco), hórreo de Xunqueira, Ponte de Cabandela, Ponte dos Muíños, Ponte Cruz da Rocha, Pontes da Carreira (dous) e Cemiterio de Altamira.
– Mobiliario: contenedores, bancos, papeleras, barandillas, farolas…
– Servizos: alumeado público en Xunqueira, suministro de auga e atascamento da rede de sumidoiros.
– Comercios: sendo os principalmente afectados os lindantes ás rúas Pastor Díaz e Avenida de Galicia.
– Outras edificacións: Estación de autobuses, Gadis, Albarelle, Capela Ecce-Homo e Convento de Valdeflores.

– Vehículos: un total de 40 vehículos afectados, dos cales 27 turismos, 5 caravanas, 2 cuadriciclos, 1 ciclomotor, 3 tractores e 2 remolques.

Fíxose un repaso das zonas que a día de hoxe están sinalizadas como medida de seguridade e prevención, acordando a sinalización dalgunhas outras, como é o caso da estrada do lugar da Carreira. Ademais, acordouse tomar as medidas cautelares necesarias nos viais afectados con respecto á saca da madeira, tendo en conta o estado de conservación no que se atopan estes viais; neste sentido e tendo en conta que se constatou que algún maderista está a traballar en pistas afectadas, acordouse ditar un decreto para suspender esta actividade nas zonas afectadas mentres non se arranxen.

Constatouse, ademais, a necesidade de dispoñer dun camión cisterna para proceder á limpeza dos atascamentos detectados na rede de sumidoiros a causa do barro e lodo recollidos nestes días. Neste sentido cómpre sinalar que esta necesidade foi trasladada no día de hoxe ao Delegado da Xunta de Galicia en Lugo, confirmando pola súa parte que a partir da próxima semana se porá a disposición deste concello o vehículo solicitado.

Tamén a Deputación de Lugo puxo a disposición do concello os seus medios, tanto humanos como materiais, non só para as infraestruras da súa competencia, senón para todo o muncipio. Neste sentido, cómpre sinalar que o concello solicitou a colaboración da Deputación para poder avaliar e valorar os danos e que un técnico da deputación xa estivo esta semana, xunto cos técnicos municipais, valorando a situación. Esta previsto que estes traballos, para a elaboración do informe de valoración de danos, continúen a vindeira semana.

Con respecto aos ofrecementos de axuda e colaboración recibidos, é necesario indicar que o Ilustre Colegio de Abogados de Lugo se puxo a disposición do concello para poder colaborar e axudar aos afectados.
 
Na información remitida ao respecto, explicaron que o Colexio pode prestar asesoramento legal aos afectados a través do seu servizo gratuito de asesoramento e orientación xurídica en materia de vivenda. Segundo indicaron, dito servizo ten por obxecto crear as canles de información necesarias para evitar que persoas en situación de desamparo perdan a súa vivenda ou, de ser o caso, consigan, conforme aos programas existentes, un inmediato realoxo en inmobles a disposición da Xunta de Galicia ou o acceso as axudas para o aluguer de vivendas.
 
Dito asesoramento exténdese aos supostos nos que se destruise total o parcialmente a vivenda do afectado e realizarase a través do servizo de asesoramento de vivenda que xa existe no Colexio. O servizo é atendido por un Letrado designado cada semana, podendo concertar unha consulta presencial chamando ás dependencias colexiais 982241007 ou remitindo un correo electrónico ao Colexio icalugo@avogacia.org
 
Se ademais da orientación fose preciso realizar algunha reclamación xudicial, aproveitarase a infraestructura colexial do Turno de Oficio, para o que haberá que tramitar a concesión do beneficio de Xustiza Gratuita. Igualmente, atendendo á demanda que poda ter o servizo, poderán ser chamados máis Letrados por semana, pola orde que obra no listado configurado para o servizo de asesoramento de vivenda.
 

Finalmente, queremos agradecer a todos aquelas persoas que, dende o primeiro momento, se puxeron a disposición do concello para colaborar e axudar ante esta situación. A todos os corpos de seguridade e emerxencias (policía local, protección civil, policía nacional, bombeiros, Grupo de Emerxencias de Cervo e voluntarios de protección civil), que traballaron arreo durante toda a noite do domingo e días posteriores; aos operarios municipais e das empresas, como Copasa (que é a empresa de estradas da Xunta de Galicia) ou outras, que colaboraron nas labores de limpeza; ás empresas concesionarias de servizos municipais, como Viaqua ou Cespa, e aos empregados municipais -entre os que cómpre facer referencia ao persoal da Oficina de Rehabilitación do Casco Histórico, que están atendendo ás persoas afectadas nestes difíciles momentos-; a todos, a nosa gratitude.

Queremos, así mesmo, transmitir a nosa solidariedade con todos os afectados, agradecendo aos veciños de Xunqueira a súa serenidade e mostrando o noso apoio ao comercio local que, nun momento como este, necesita máis que nunca o compromiso de todos e todas.

Para finalizar, dende o concello queremos manifestar publicamente o noso máis sentido pésame aos veciños, amigos e familiares da muller que, tristemente, perdeu a vida a causa destas riadas.

Exit mobile version