Ribadeo, 14 de novembro de 2018. O presidente da Asociación de Profesores de Automoción de Galicia (APAGA), Álvaro Doural, participa estes días en Bratislava (Eslovaquia) na posta en marcha do proxecto europeo Erasmus + Un paso por delante II do que forma parte xunto a centros de ensino de Finlandia e República Checa. O socio promotor desta iniciativa é o eslovaco INAK SK. O devandito proxecto desenvolverase ata finais do ano 2020.
O presidente de APAGA, Álvaro Doural, salienta “a importancia de estar presente neste encontro no que cada un expón a súa experiencia e os resultados do proxecto anterior. Ademais abordaranse os obxectivos do proxecto Un paso por diante na súa segunda fase, así como as actividades xerais e o papel dos socios no proceso”.
Doural engade que “tamén se presentan as ferramentas de xestión, a introdución do concepto básico dunha formación docente e o presuposto para a execución do programa. Na xornada de mañá, tratarase a proposta do calendario coa configuración de datas concretas dos eventos, a estrutura e programa de formación de profesores, e unha actividade conxunta de capacitación de persoal a corto prazo que terá lugar en abril de 2019”.
As xornadas de hoxe e de mañá son de traballo intenso. A de hoxe desenvólvese en horario de 10 a 17 horas e a de mañá de 9:00 a 15:30 horas. Os socios asistentes a este encontro procedentes de Finlandia, República Checa e España (APAGA) aproveitarán para coñecer Bratislava e a súa contorna e para difundir os seus lugares de procedencia.