cof
Alfoz, 12 de novembro de 2017. Esta mañá, o Pazo de Raxoi en Santiago de Compostela, acolleu o acto de sinatura do protocolo para a campaña “En negro contra as violencias machistas”, ao que asistiu en representación do Concello de Alfoz o seu Tenente-Alcalde Xabier Pardiñas, xunto con representantes de parte dos 100 concellos e deputacións adheridas. No documento asinado recóllense os obxectivos desta campaña, que son “fomentar unha acción de sensibilización cidadá contra as violencias machistas no ámbito municipal a través da coordinación entre concellos moi diversos e de diferentes cores políticas, implicando ao tecido económico, asociativo, educativo, deportivo, social e cultural, así como a toda a cidadanía, nunha resposta colectiva de rexeitamento da violencia de xénero e dos asasinatos machistas”
“Alfoz en negro” buscará durante este mes de novembro darlle visibilidade ao sentimento unánime de repulsa da sociedade de Alfoz contra a violencia machista. Entre outras accións, o día 25 de novembro celebrarase un acto central no que realizará unha andaina reivindicativa por diferentes lugares do concello coa intención de espertar a sensibilidade social. Para esta andaina o Concello de Alfoz entregará aos participantes camisetas negras co lema “Alfoz en Negro. Para finalizar o acto procederase á lectura dun manifesto, por parte de Carmen Geada, Concelleira de Igualdade e Benestar. Os actos están previstos para as 12 horas con saída desde a Casa do Concello.