Site icon Crónica3.com A Mariña

A Xunta prepara as obras de emerxencia no CEIP Virxe do Carme de Burela co acopio do material e a coordinación dos traballos a executar

Burela, 12 de novembro de 2018.- O delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, confirmou que persoal da Unidade Técnica da Consellería de Educación, acompañados de membros da dirección do centro, visitaron hoxe o CEIP Virxe do Carme de Burela co obxecto de programar e coordinar os traballos de urxencia que teñen previsto desenvolverse neste centro.

De feito, aproveitouse a xornada de hoxe para proceder ao acopio de material necesario para iniciar as tarefas de reparación das filtracións de auga. Para dar por iniciados estes traballos só resta recibir a lousa que se empregará para anular os actuais canlóns e substituílos por unha nova rede de baixantes e canalizacións de pluviais.

A intención da Consellería é desenvolver estas melloras coa menor interferencia posible na actividade lectiva ordinaria do centro, de tal xeito que poidan estar rematadas aproveitando sobre todo os días de bo tempo que permiten traballar con máis comodidade nas cubertas.

O persoal técnico da Consellería tamén aproveitou a súa visita para valorar a situación da totalidade das instalacións de cara ao proxecto de reforma e modernización integral que a Xunta liderará, tal e como se comprometeu, facéndose eco das demandas da comunidade escolar.

Desde a Delegación territorial se insiste en que o obxectivo principal é ofrecer solucións ante as deficiencias que presentan o centro, e reiteran o seu compromiso por ofrecer unhas instalacións nas mellores condicións.

Exit mobile version