Ribadeo, 21 de novembro de 2018.- A Consellería de Economía, Emprego e Industria concedeu apoios por importe de 75.000 euros a once comercios da Mariña para a realización de obras de modernización ou proxectos de dixitalización e comercialización en liña. Este montante supón o 50 por cento do investimento subvencionable.
O delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, explicou que entre os beneficiarios hai cinco comercios de Ribadeo, dous de Mondoñedo, dous de Viveiro e un en Cervo e Foz respectivamente.
Balseiro sinalou que os comerciantes lucenses demostraron nesta convocatoria un notable interese por incorporar a venda en liña, mellorando a súa presencia na internet. “Os empresarios están a realizar un importante esforzo de modernización e adaptación para poder competir no novo modelo de mercado -afirmou-, e a Xunta respalda ese esforzo para garantir o futuro do comercio de proximidade, que é a alma das nosas vilas e cidades”.
O delegado detallou que as axudas atenderon a un ou varios conceptos segundo o solicitado polos comerciantes, que nun bo número de casos sumaron apoios para distintas actuacións. En todo caso, a práctica totalidade das solicitudes están orientadas a mellorar a presencia na internet e as ferramentas de xestión.
Así, todos os beneficiarios excepto un demandan a implantación ou actualización de páxinas web e a mellora da imaxe en liña dirixidas á comercialización dos seus produtos, e catro solicitantes engaden proxectos para a implantación de ferramentas como sistemas integrados para a planificación de recursos empresariais, comerciais e software adecuados ás necesidades da empresa.
As achegas da Xunta tamén impulsan un proxecto de deseño e implantación de packaging para a venda en liña, outro para novas fórmulas de comercialización, e un terceiro beneficiario solicita os servizos de xestión de redes sociais; neste caso, a axuda da Xunta consiste nun tícket para a xestión de redes sociais, no marco do programa de Social Commerce que se desenvolve en colaboración coa Federación Galega de Comercio.
Por último, dous solicitantes reciben achegas para a modernización integral do local comercial incluídos nun proxecto de decoración e interiorismo. Sufráganse obras como a reforma e acondicionamento integral da superficie de exposición e venda do local comercial, adquisición de moblaxe e equipamento, e mellora da fachada exterior.