Site icon Crónica3.com A Mariña

A Xunta finaliza a obra dirixida a solucionar as filtracións de auga no CEIP Virxe do Carme de Burela

Burela, 27 de novembro de 2018.- A Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional rematou a intervención de urxencia executada no CEIP Virxe do Carme de Burela co obxecto de corrixir os problemas ocasionados tras as filtracións de auga nas instalacións deste centro.

As obras finalizaron e unicamente queda pendente completar os últimos remates. O delegado territorial de Lugo, José Manuel Balseiro, salientou que a Xunta deu prioridade a esta actuación coa finalidade de solucionar sen demora as deficiencias detectadas, logo das correspondentes visitas técnicas e de inspección.

O departamento autonómico de Educación optou por levar a cabo unha reforma nas conducións de augas pluviais, actuando na cuberta, canlóns e baixantes que presentaban deterioro, para evitar as filtracións de auga nas aulas e demais espazos de uso lectivo.

Os traballos foron executados nas últimas semanas e para levalos a cabo foi preciso ter en conta factores como as condicións climatolóxicas, xa que o selado de canlóns e baixantes debe facerse en ausencia de precipitacións para garantir o seu bo estado e a súa durabilidade.

Balseiro confirmou así mesmo, que o pasado venres xa recibiron no centro o novo mobiliario dirixido a substituír a aquel que está afectado pola couza. Estes días estase a programar a distribución do novo equipamento, entre o que figuran armarios librería e de oficina, así como percheiros, mesas e cadeiras de distinto tipo, entre outros. Unhas tarefas que se desenvolven de xeito coordinado cos labores da limpeza a fondo das instalacións.

O delegado territorial lembrou finalmente que tras executar as obras de maior urxencia, a Xunta proxecta acometer o vindeiro verán a obra de remodelación integral do CEIP Virxe do Carme. A Administración autonómica reserva preto de 860.000 euros para intervir nos tres edificios do recinto escolar e actuar sobre a carpintería exterior e interior, substituír as luminarias existentes por outras de baixo consumo con tecnoloxía LED, realizar traballos xerais de acondicionamento (falsos teitos, reparacións e pintado de aulas) e renovar os aseos, entre outras accións.

Exit mobile version