Ourol, 6 de novembro de 2018.- A Xunta coopera co Concello de Ourol no financiamento dun proxecto de posta en valor dos recursos turísticos do municipio, mediante a sinalización dos bens que forman parte do Inventario de Patrimonio Histórico Artístico do Concello e de diversos espazos naturais de especial interese.
O delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, explicou que Turismo de Galicia aporta o 65% do orzamento da actuación, dentro da liña de colaboración con entidades locais para o fomento da accesibilidade e sinalización dos recursos turísticos no medio rural. A achega da Administración autonómica é de 5.500 euros.
A proposta busca facilitar a visita de puntos do concello que carecen de sinalización ou contan con carteis obsoletos ou deteriorados. Así, está previsto colocar indicadores direccionais de igrexas e capelas incluídas no inventario de patrimonio do Concello, en concreto nas parroquias de Ourol (igrexa de Santa María); Merille (igrexa de Santa Eulalia); Xerdiz (igrexa de Santa María e capelas de Santa Apolonia e San Xoán); Miñotos (igrexa de San Pedro e capelas de Santa Mariña e San Lourenzo); Bravos (igrexa de Santiago, santuario da Virxe de Fátima e capela de San Xoán); O Sixto (igrexa de Santa María e capelas de San Ramón e A Virxe do Socorro); Ambosores (igrexa de Santa María) e San Pantaleón (igrexa de San Pantaleón).
O plan incide tamén na divulgación e posta en valor das mámoas de Penido Vello, en Miñotos, coa sinalización do acceso e a colocación dun panel interpretativo sobre este espazo.
Así mesmo, dentro desta iniciativa está previsto indicar contornas naturais de especial interese do concello, como as Fragas de Besteburiz e as de Ambosores, o Paseo da Rega e a fervenza do río Xestosa.