Site icon Crónica3.com A Mariña

A subdelegada do Goberno participa nos actos organizados polo Concello de Burela con motivo do Día contra a Violencia de Xénero

Burela, 23 de novembro de 2018.- A subdelegada do Goberno, Isabel Rodríguez, acompañou esta mañá ao alcalde de Burela, Alfredo Llano, e a numerosos escolares e veciños da localidade nos actos organizados polo Concello con motivo do Día Internacional para a Eliminación da Violencia de Xénero.

A subdelegada do Goberno foi a encargada da lectura do manifesto conmemorativo, que foi un dos actos celebrados hoxe dentro da campaña Burela en Negro, unha iniciativa a que se adheriron numerosos concellos de toda Galicia.

Os actos, que foron organizados pola Concellería de Asuntos Sociais e o Centro de Información á Muller de Burela, contaron coa participación de escolares dos centros educativos do municipio. Os escolares interviron no acto coa exposición dalgunhas das actividades que realizaron con motivo da celebración do Día contra a Violencia de Xénero.

Ademais, no acto déronse a coñecer os gañadores dos premios do Certame convocado polo Concello con motivo da conmemoración do Día contra a Violencia de Xénero. Os gañadores foron María Benigna Fraga Fernández, da Fundación Eu Son, na categoría de concurso de lemas, e Laura Rodríguez López, do IES Perdouro, e Alejandro Rodríguez Robledillo, veciño de Lugo, no concurso de microrrelatos.

PREMIOS MENINAS

A subdelegada do Goberno participará pola tarde na entrega dos premios Meninas, instituídos pola Delegación do Goberno en Galicia para recoñecer ás persoas e entidades que se significan na loita contra a violencia de xénero e a protección das vítimas. Dúas entidades de Lugo recibirán as súas distintincións nese acto. Trátase da asociación Sí, hai saída, galardoada co premio Meninas, e o Equipo de Muller e Menor da Garda Civil de Lugo, distinguido con unha mención honorífica pola súa profesionalidade e dedicación ás vítimas da violencia sexista. O acto de entrega dos premios Meninas terá lugar ás seis e media da tarde na sede da Delegación do Goberno, na Coruña.

Exit mobile version