Lugo, 15 de novembro de 2018.- A subdelegada do Goberno, Isabel Rodríguez, comprometeu o seu total apoio a unha vella reivindicación dos concellos de Alfoz e O Valadouro, da que lle deron conta os alcaldes dos dous municipios, Jorge Val e Edmundo Maseda, nas visitas que efectuou esta mañá aos dous concellos. Trátase da inclusión de Alfoz e O Valadouro na sinalización vertical das saídas da Autovía A-8.
A subdelegada do Goberno manifestou que “farei todo o posible para que sexa atendida esta reclamación que me plantexaron os alcaldes de Alfoz e O Valadouro; considero que é unha demanda xusta pola que levan moitos anos agardando os dous concellos e penso que a instalación dos sinais na autovía beneficiará sen dúbida a estes dous concellos da Mariña interior”.
Isabel Rodríguez explicou que fará xestións para dar cumprimento a unha demanda pola que os dous concellos levan máis de catro anos agardando. As Corporacións locais de Alfoz e O Valadouro adoptaron acordos plenarios en 2014 para acabar coa marxinación dos dous concellos na sinalización da A-8 e, dende ese momento, os seus alcaldes realizaron múltiples xestións co Goberno anterior, que nunca atendeu as súas peticións.
CORREOS E CUARTEL
Os alcaldes de Alfoz e O Valadouro tamén lle espuxeron hoxe á subdelegada do Goberno outros asuntos de interese común para os dous concellos, como son a ampliación do servizo de Correos e a realización de obras de mellora no Cuartel da Garda Civil.
Durante a súa visita institucional ao Concello do Valadouro, o alcalde, Edmundo Maseda, plantexoulle outros asuntos de importancia para o seu municipio como son a necesidade de modificar os ciclos formativos de agricultura ecolóxica e a Lei de Augas.
Ademaís, na súa visita institucional a Alfoz, a subdelegada do Goberno asinou no Libro do Honra do Concello.