A subdelegada do Goberno lembrou ás vítimas do tráfico e aos seus familiares e aproveitou para facer un chamamento a todos os condutores para que respecten as normas de circulación e eviten comportamentos como o uso de teléfonos móbiles ao volante ou viaxar sen o cinto de seguridade. Segundo os datos da DXT, en máis da metade dos accidentes mortais producidos en vías interurbanas da nosa provincia, o 52,6%, concurre a conducción distraída ou desatenta como un dos factores. Tocante ao uso do cinto, en Galicia case a cuarta parte dos falecidos no que vai de ano non levaban posto este elemento de seguridade.
Este ano, ata o 17 de novembro, rexistráronse na provincia 2.740 accidentes, nos que perderon a vida 22 persoas, 79 resultaron feridas graves e 606 leves.
O manifesto conmemorativo do Día Mundial en Lembranza das Vítimas de Accidentes de Tráfico destaca que “as mortes e feridas por accidente de tráfico son acontecementos súbitos, violentos e traumáticos, con impacto de longa duración, a miúdo permanente. Cada ano, millóns de novos feridos e familiares afectados de cada rincón do mundo engádense aos incontables millóns que xa sofren como resultado dun accidente de tráfico.
A inmensa dor e a angustia experimentada por gran número de persoas é maior porque moitas das vítimas son xóvenes, porque moitos dos accidentes puideron e deberon evitarse e porque a resposta ante os mortos e feridos na estrada e cara as vítimas e os seus familiares é a miúdo inadecuada, incomprendida e inapropiada en relación á perda dunha vida ou da calidade de vida.
O día en lembranza das vítimas de accidentes de tráfico tenta responder á necesidade de recoñecemento público da perda e o sufrimento que teñen as vítimas de accidentes de tráfico.
Este día é tamén unha ferramenta importante para os gobernos e todos aqueles que traballan para a prevención ou no post-accidente, xa que dá oportunidade de demostrar a enorme escala e impacto de mortes e feridos nas vías públicas e a necesidade urxente de accións eficaces.
A resposta dos gobernos de todo o mundo ao chamamento da ONU para o recoñecemento oficial do día Mundial en Lembranza das Vítimas de Accidentes de Tráfico amosa a seriedade coa que tratan o complexo tema do risco nas vías públicas e a reducción de accidentes de tráfico. E o seu compromiso á causa é seguido de preto polas vítimas de accidentes de tráfico e ONG de Prevención de Accidentes de Tráfico afíns.
Este ano 2018 o lema oficial é ´´as rúas e estradas contan historias“, ogallá consigamos entre todos que todas as estradas conten historias felices”.