Ribadeo, 23 de novembro de 2018. A rúa San Roque converteuse este mediodía nunha alfombra humana contra as violencias machistas. Os actos da campaña Ribadeo en Negro foron organizados pola Concellaría de Igualdade e o CIM en colaboración, entre outros, cos centros de ensino ribadenses e a EMMeD.
A cita deu comezo ás 12 do mediodía coa representación dunha alfombra floral negra na que participarán todas as persoas asistentes a este acto: alumnado dos colexios Sagrado Corazón e Gregorio Sanz, do IES de Ribadeo, do CIFP Porta da Auga, do Comité Lila e das escolas taller do Concello.
A continuación tivo lugar a lectura dun poema, a interpretación de varias cancións e baile a cargo da EMMeD. Mariluz Álvarez Lastra leu o manifesto reivindicativo e o acto concluíu coa performance Titania a cargo da actriz galega Iria Sobrado.