Ribadeo, 22 de novembro de 2018. A rúa San Roque acollerá este venres o acto reivindicativo contra ás violencias machistas, que organizan a Concellaría de Igualdade e o CIM en colaboración, entre outros, cos centros de ensino ribadenses e a EMMeD.
A cita dará comezo ás 12 do mediodía coa representación dunha alfombra floral negra na que participarán todas as persoas asistentes a este acto: alumnado dos colexios Sagrado Corazón e Gregorio Sanz, do IES de Ribadeo, do CIFP Porta da Auga, do Comité Lila e das escolas taller do Concello.
A continuación terá lugar a lectura dun poema, a interpretación de varias cancións e haberá baile a cargo da EMMeD. Mariluz Álvarez Lastra lerá o manifesto reivindicativo e o acto concluirá coa performance Titania a cargo da actriz galega Iria Sobrado.