A Mariña, 22 de novembro de 2018. A Mancomunidade de Municipios da Mariña presentará o 29 de novembro o programa Catuxa, que obtivo un dos premios Coopera da Xunta de Galicia. Comeza a poñerse en marcha nos centros de ensino da comarca para sensibilizar ao alumnado sobre a violencia de xénero. A súa presentación terá lugar no IES María Sarmiento de Viveiro o vindeiro xoves ás 11:30 horas.
O presidente da Mancomunidade de Municipios da Mariña, Alfredo Llano, lembrou que “o programa Catuxa gañou un dos premios Coopera da Xunta de Galicia, e está indicado aos alumnos dos institutos, de 3º e 4º de ESO basicamente, no plano da sensibilización e para buscar solucións, mentalización e formación con respecto á violencia de xénero e a favor da igualdade”.
Llano manifestou que “este programa Catuxa, que se está comezando a desenvolver, se dará a coñecer o próximo día 29, xoves, en Viveiro. Vaise facer nun instituto dicíndolle a todo o mundo, á comunidade educativa e á xente que se achegue por alí, en que consiste o programa e como se vai desenvolver. Tamén imos ter a oportunidade, se podemos ir todos os alcaldes que conformamos a Mancomunidade, para aportar alí lendo un manifesto ou poñendo un slogan na árbore dos desexos que se vai colocar, onde todo o mundo poderá deixar a súa frase contra a violencia de xénero e a favor da igualdade”.
O presidente da Mancomunidade contou que “a presentación vai ser no instituto María Sarmiento de Viveiro a partir da once da mañá. Así daremos por iniciado este programa Catuxa para aplicar no que resta de curso e para o ano que ven na Mancomunidade da Mariña”.