A Mariña, 28 de novembro de 2018. A Mancomunidade de Municipios da Mariña presentará mañá, xoves, no IES María Sarmiento de Viveiro o programa Catuxa de sensibilización sobre a violencia de xénero e igualdade entre mulleres e homes. Está destinado á poboación moza da comarca a través da coeducación, aprendizaxe transversal e unidade de xénero para a adolescencia.
O presidente da Mancomunidade, Alfredo Llano, anunciou que “mañá ás once e media no IES María Sarmiento de Viveiro imos facer algo que creo que é importante para A Mariña. Trátase da presentación do programa Catuxa que foi meritorio ao gañar o segundo premio dos plans Coopera da Xunta de Galicia, que está dotado con 25.000 euros”.
Llano lembrou que “ese proxecto, que foi moi recoñecido para dar o segundo premio, que está moi ben, de todos os que se presentaron en Galicia, consiste basicamente en facer un percorrido por todos os institutos, asociacións xuvenís e por onde se poida para sensibilizar sobre a violencia de xénero e a favor da igualdade. Agora coincide ademais co Día Internacional contra a Violencia de Xénero”.
O presidente da Mancomunidade explicou que “faremos unha presentación oficial do proxecto Catuxa diante dos alumnos do María Sarmiento como indicativo de que imos dedicar basicamente este proxecto aos rapaces máis novos, porque cremos que canto antes se sensibilice sobre este tema máis resultados positivos vai dar ao longo da vida”.
Alfredo Llano dixo que “é un proxecto ambicioso e moi ben dimensionado. Mañá será a presentación oficial na que daremos a coñecer os contidos do programa Catuxa e informaremos da súa posta en marcha. Pretendemos ademais crear un impacto na poboación da Mariña lucense desde a perspectiva da concienciación e sensibilización social sobre a violencia de xénero, que é o que pretendemos. Ademais coincide co mes contra a violencia de xénero, pero é algo do que hai que estar pendente e constantemente atentos todos os días do ano. Polo tanto canto mellor se faga neste senso, non soamente unha vez ao ano senón todos os días, moito mellor”.
O presidente da Mancomunidade de Municipios da Mariña fixo fincapé en que “imos intentar conseguir a participación de todos os grupos da poboación destinatarios e das entidades, asociacións e organismos que actúen no territorio da Mancomunidade. Polo tanto imos facer que este proxecto sexa o máis amplo posible, que chegue ao máximo de xente, creo que vai ser un acto bonito e, desde logo, importante cara ao futuro no que queda de curso ata que remate en xuño. Cremos que hai que darlle a importancia que se nos deu a nosoutros para concedernos o premio co programa Catuxa, e temos que rentabilizar, que quede a xente sensibilizada e que cumpramos os obxectivos para os que está destinado este proxecto”.