Burela, 12 de novembro de 2018. A Fundación Expomar conta con novo xerente. Trátase de José Manuel González Brais, quen substitúe no cargo a Catalina Sánchez Luengo que se acaba xubilar. A Fundación xa traballa na organización da Feira Náutico Pesqueira 2019, que se celebrará no mes de maio.
O presidente da Fundación Expomar e alcalde de Burela, Alfredo Llano, contou que “a Fundación Expomar está traballando agora mesmo duro en preparar a Feira Náutico Pesqueira de 2019. Xa temos normalizada a situación, temos ao novo xerente que substitúe a Catalina Sánchez Luengo. É José Manuel González López, que é máis coñecido por Brais no noso concello. Estamos xa coordinando e mirando as mellores fórmulas para que a Fundación Expomar sexa capaz de ofrecer unha das mellores feiras náutico pesqueiras que hai en toda España, aquí no litoral cantábrico”.
Llano subliñou que “esa é a nosa intención tanto respecto á vangarda das embarcacións naquilo que agora poida ser unha vantaxe clara para todos os que se dedican a este sector da pesca, mirar que tipo de propulsores, que tipo de electrónica, de seguridade, de frío, e todo aquilo que se poida aportar. Imos tratar que estea representado todo aquilo que interesa ao sector, nesta nova edición da feira”.
O presidente da Fundación Expomar engadiu que “tamén queremos ter un bo nivel nos encontros empresariais e nas xornadas técnicas. Paralelamente á organización da feira miramos que iso sexa bo para o sector, e en xeral para todo o mundo que estea interesado en todo o relativo á pesca. Imos dando os pasos e en pouco tempo volveremos facer máis reunións do padroado con toda a xente que queira participar para ir mirando e enfocando con todas as garantías a Feira Expomar para o ano 2019”.