Site icon Crónica3.com A Mariña

A FCAM fai un balance positivo da campaña que este venres secundaron máis de 1.000 establecementos na comarca co obxectivo de concienciar á poboación da importancia que ten este sector para a vida dos pobos

A Mariña, 17 de novembro de 2018. Mais de mil establecementos comerciais e hostaleiros se sumaron onte á campaña OLLO realizada pola FCAM. Ás 8 da tarde apagaron as luces dos seus escaparates, dos seus rótulos, dos seus negocios co obxectivo de concienciar á poboación da importancia que ten este sector para a vida dos pobos. A campaña desenvolveuse en Vicedo, Covas, Viveiro, Xove, Burela, Foz, Lourenzá e Ribadeo e foi secundada por centos de locais asociados e outros moitos que se quixeron sumar a esta iniciativa.
Desde primeiras horas da mañá os establecementos foron empapelando os escaparates dos seus negocios simulando peches y colocaron a cartelería distribuída pola FCAM. E a partir das oito secundaron este apagón simbólico, que é unha chamada á reflexión para que os veciños e veciñas da Mariña sigan apostando polo forte comercio local co que conta esta comarca fronte ás grandes plataformas de venda on line.
O presidente da FCAM, José Carlos Paleo, lembrou que “A Mariña é un grande centro comercial aberto no que podemos atopar de todo”. E amosouse satisfeito pola acollida desta campaña: “desde a FCAM queremos agradecer a implicación do sector comercial, hostaleiro e de servizos nesta campaña e tamén o traballo realizado desde as oito asociacións que a integran. As redes sociais e os medios de comunicación foron os inmediatos portavoces de todo o que aconteceu onte entorno ao comercio mariñán”.
Paleo subliñou que “sen comercio, sen hostalería e sen servizos non hai pobos”.
Tras esta chamada de atención ás conciencias cidadás o traballo a prol do comercio local continúa. Os esforzos céntranse agora nas vindeiras campañas: Black Friday e Nadal, que arrincan dentro duns días. José Carlos Paleo lembrou que “estamos nunha zona privilexiada onde é posible mercar paseando ao aire libre e sen presas, disfrutando do patrimonio cultural e paisaxístico e dunha exquisita gastronomía. Estamos nunha comarca pola que pasan milleiros de persoas ano tras ano e na que moitas teñen a súa segunda residencia. Iso é o reflexo da forza e da puxanza que ten esta comarca e que teñen os seus negocios. Traballando todos e todas xuntos seremos máis e teremos máis posibilidades”.
A FCAM agradece o apoio das administracións que estiveron ao seu carón na campaña realizada onte.
A Federación de Comercio A Mariña agrupa a 900 negocios que xeran máis de 3.000 empregos e 10.000 colaboracións e conta cun volume de facturación duns 300 millóns de euros anuais.

Exit mobile version