Site icon Crónica3.com A Mariña

A escritora ribadense Celia Castro Fernández presentará o vindeiro martes, 13 de novembro, en A Coruña, o seu libro Pintura y Fotografía en el siglo XIX. Una aproximación al arte de Dionisio Fierros

Ribadeo, 9 de novembro de 2018. A escritora ribadense Celia Castro Fernández presentará o vindeiro martes, 13 de novembro, en A Coruña, o seu libro Pintura y Fotografía en el siglo XIX. Una aproximación al arte de Dionisio Fierros.
O acto terá lugar 20:00 horas na Real Academia Galega de Belas Artes. Xunto a Celia Castro estarán o académico numerario da Sección de Artes da Imaxe da Real Academia Galega de Belas Artes, Xurxo Lobato, e a editora, Laura Rodríguez.
Celia Castro presenta este libro en torno á figura e á obra de Dionisio Fierros, no que recolle a importancia e transcendencia deste artista tan vinculado a Ribadeo, que viviu un tempo na cidade herculina e onde ademais hai varias obras deste pintor e fotógrafo.
A autora explica que “a presentación deste libro meu é co gallo de difundir un pouco a figura de Dionisio Fierros, ademais do tema central do libro que é o paralelismo e a influencia recíproca entre a pintura e a fotografía no século XIX, así como reseñar tamén a importancia que pode ter na cidade da Coruña a persoa de Dionisio Fierros”.
Celia Castro conta que “Dionisio Fierros, aínda que é asturiano e pertence ao taller e a todo o círculo artístico de Federico de Madrazo en Madrid, pasa dúas tempadas longas en Galicia. De 1855 a 1858 sería a primeira estadía, e de 1872 a finais de 1874 sería a segunda. Na primeira, ademais de pintar retratos da burguesía e a nobreza galega, establécese en Santiago e desde alí móvese por toda a bisbarra, por Coruña, Ferrol, etc… Tamén fai cadros de costumes, toma notas, apuntes, fai esbozos para facer eses grandes cadros de costumes, algúns de maior tamaño como A Romaría e outros de menor tamaño como poden ser A Muiñeira ou Unha voda galega, que vai despois expoñer en Madrid. Aínda que é de nacemento asturiano, é o creador e o que senta as bases para unha escola galega de pintura costumista”.
Sobre o paso de Dionisio Fierros pola cidade herculina a escrita ribadense indica que “viviu na Coruña despois de casarse. En 1873 casa coa ribadense Antonia Carrera, en novembro, e trasládase a vivir a Coruña ata finais de 1874. Ao ano seguinte están afincados en Madrid co que pasa un ano na Coruña cumprimentando numerosos encargos que ten. Ademais na Coruña hai obras súas en moitos sitios, tanto en coleccións privadas como en entidades oficiais. No Museo de Belas Artes de A Coruña hai uns espléndidos retratos de Juan Nepomuceno Jaspe e a súa dona Carmen Moscoso de Altamira, que se soían facer en parellas, e que son unha doazón dunha descendente de Carmen Moscoso de Altamira. Tamén hai un retrato de Amadeo Saboya e un debuxo moi interesante da primeira época, que penso que pode tratarse dun retrato a lapis do compositor de orixe vasco Sebastián Iradier. Ademais hai cadros seus no Concello da Coruña, na Deputación da Coruña dous espléndidos retratos da raíña Mercedes de Orleáns e o seu marido Alfonso XII, e en casas particulares. Tampouco se descarta que, ademais das dúas estadías importantes en Galicia, estivese aquí máis veces para cumplimentar encargos”.
Celia Castro presentou este libro hai semanas en Ribadeo, en Lugo e tamén en Madrid.

Exit mobile version