Site icon Crónica3.com A Mariña

A Coral De Ruada de Ourense actúa en Ribadeo

Ribadeo 15-11-18. Organizado pola Coral Polifónica de Ribadeo co patrocinio da Xunta de Galicia e a colaboración do Concello, a Coral De Ruada ofrecerá un concerto co que se inician os actos de Sta Cecilia, este ano lembrando tamén a figura de Carlos Álvarez Fdez-Cid, fundador da Coral, no centenario do seu nacemento. Será este sábado, 25 de novembro, ás 20:45, no Teatro.
A Coral De Ruada, de Ourense, fundada no ano 1918, celebra este ano o centenario da súa creación. Xa nos anos 30 do século pasado, visitou América do Sur e Chicago e na súa longa traxectoria ten actuado na práctica totalidade da Galicia e nas máis importantes cidades de Portugal e Francia, así como en Arxentina, Uruguay, Brasil, Venezuela e EEUU.
Realizou numerosas gravacións discográficas, sendo a última, de 2016, a que contén colaboracións de importantes grupos e artistas galegos e extranxeiros como Luar na Lubre, Milladoiro, Cristina Pato…
Nesta longa andaina ten recibido multitude de galardóns e distincións, sendo o último recibido, neste 2018, o Premio Trasalba.
A Coral conta con escolas de música tradicional e de teatro.
Está dirixida por Xoán Antón Vázquez Casas, compositor e profesor de Composición no Conservatorio de Ourense.
A Coral ofrecerá un programa de pezas do folclore galego, composto por pandeiradas, foliadas e alalás.

Domingo, 25 de novembro
Os actos de Santa Cecilia continuarán o próximo domingo, día 25, no que a Coral cantará a Misa das 12 e ofrecerá, posteriormente, un pequeno concerto, cun repertorio de pezas que a Coral xa cantaba cando era dirixida por Carlos Cid. A Coral quere, deste xeito, lembrar ó seu fundador e primeiro director, neste ano do centenario do seu nacemento, e, deste xeito, seguir mantendo este vínculo de unión co pasado e coas súas orixes a través da música, a través desas pezas emblemáticas que facían aquela coral de Carlos Cid diferente, sobre todo pola calidade dos programas a interpretar, nos que a música clásica, tanto relixiosa coma profana, tiña sempre un lugar preferente.

Despois do concerto, haberá unha comida no Parador de Turismo para coralistas, familiares, Membros de Honor e para todas aquelas persoas que desexen acompañar á Coral neste día da súa patroa.

Exit mobile version