Site icon Crónica3.com A Mariña

A CIG-Ensino denuncia o desleixo da Consellaría de Educación que levou a que o CEIP Virxe do Carme sufra graves deficiencias estruturais, así como do mobiliario

A Mariña 14-11-18. A CIG-Ensino denuncia o desleixo da Consellaría de Educación que levou a que o CEIP Virxe do Carme sufra graves deficiencias estruturais, así como do mobiliario. Este abandono continuado por parte da Consellaría provocou que o alumnado e o profesorado estuden e traballen nunhas instalacións deterioradas, non axeitadas, non dignas e que condicionan a actividade escolar.

Durante anos a Consellaría ignorou as demandas da Anpa, do profesorado e dos órganos de dirección do centro, que están documentadas, e non se incluíu a reforma dos edificios do CEIP Virxe do Carme no Plan de Dotación de Infraestruturas Educativas.

Como consecuencia da falta de investimentos as instalacións do CEIP Virxe do Carme padecen múltiples eivas: o centro dispón de diferentes edificios que non están unidos por pasarelas cubertas, de modo que alumnado e profesorado está sometido ás inclemencias meteorolóxicas cada vez que cambian de edificio; o centro tampouco dispón de acceso para persoas discapacitadas, cun gran número de barreiras arquitectónicas, que impedirían mesmo a entrada de servizos de emerxencias en caso de ser necesario; o mobiliario é moi antigo e está degradado pola couza; as fiestras e os illamentos non cumpren a función e permiten o paso de auga de chuvia; os tubos e condutos de desaugue están deteriorados e filtran auga, pero o máis grave é que son de fibrocemento cos conseguintes riscos que isto implica polo seu deterioro e reparación. A situación chegou ao punto de que se produciran inundacións nas aulas de educación infantil e o profesorado denunciase sufrir picaduras derivadas da praga de couza.

Lembramos que os edificios que compoñen a infraestrutura do centro foron construídos en 1972, 1976 e 1980, para dar resposta neses momentos ao crecemento da matrícula. E esta situación de provisionalidade e urxencia dalgún dos edificions adquiriu o carácter de definitiva medio século despois. Desde a CIG-Ensino non aceptamos máis parches e por iso instamos á Consellaría de Educación a realizar de modo inminente as actuacións necesarias para un funcionamento digno do CEIP Virxe do Carme, mais consideramos que a construción dunhas novas instalacións son a única solución posible para garantir así o dereito do profesorado e do alumnado a impartir e recibir aulas nun centro seguro, digno e funcional.

Exit mobile version