Ribadeo, 13 de novembro de 2018. A Banda Municipal de Música de Ribadeo ofrecerá o seu concerto de Santa Cilla o día 24 deste mes, sábado, ás 20:30 horas no Cine Teatro. Esta actuación estará dedicada ao director e compositor belga Bert Appermont.
O director da Banda de Ribadeo, David Ballester, anuncia que “neste mes de novembro o 22 é o día de Santa Cilla, a patroa dos músicos, e como non podía ser menos, a Banda de Música Municipal de Ribadeo vai facer o seu concerto de Santa Cilla. Será o día 24 ás oito e media da tarde no Cine Teatro”.
David Ballester engade que “neste concerto sempre me gusta que algúns dos músicos da Banda demostren o seu bo facer, o seu talento, e teremos a Carlos Villar tocando unha peza de xilófono como solista e tamén teremos un dúo de frautas, a cargo de Paula Pérez e Eva Iglesias, cunha obra de aires celtas que está bastante ben”.
O director da Banda ribadense comentou tamén que “ultimamente neste concerto de Santa Cilla dedicamos a algún compositor unha serie de pezas en concreto. Este ano ímolo facer dedicado ao compositor e director belga Bert Appermont, que é un dos meus compositores preferidos para música de banda e tiven a sorte de coñecelo nunha conferencia en Pontevedra”.
Ballester quere “invitar a toda a xente que estea a fin de semana do 24 de novembro por Ribadeo a que se achegue ao Teatro ás oito e media da tarde. Tamén quero sinalar que destas obras que imos tocar de Bert Appermont máis as de solistas só dúas delas foron xa interpretadas pola Banda Municipal de Música de Ribadeo; o resto serán interpretadas por primeira vez pola nosa Banda”.