O Presidente trasladou o pésame á familia da falecida a consecuencia da tromba da auga. “Hoxe é un día moi triste para todos os veciños de Viveiro, por iso quero que sentan cerca o alento e o cariño de todo o Goberno da Deputación. É unha situación moi difícil, por iso hoxe máis que nunca tócanos a todos arrimar o ombreiro e saír adiante”.
Campos Conde avanzou que o Goberno da Deputación pon a disposición do Concello de Viveiro todos os medios técnicos, como o parque móbil, camións, palas, así como todo o persoal técnico que sexa necesario para valorar os informes dos afectados por estas inundacións.
O Presidente agradeceu “o traballo de todos os equipos de emerxencia trasladados a Viveiro, tanto GES, GRUMIR, Bombeiros, Policía, Protección Civil, sanitarios, así como todo os veciños que seguen colaborando nas tarefas de limpeza”.
Pola súa banda o Concello habilitou unha oficina para atender a todos os afectados. A rexedora demandou aos veciños que presenten nesta oficina unha declaración dos danos con fotografías dos desperfectos sufridos nas súas vivendas para facilitar a petición das axudas. Con esta medida, o Concello busca facilitar a tramitación de axudas aos veciños afectados. Dende o Consistorio tamén están valorando solicitar a declaración como zona de especial urxencia de Protección Civil.