A historia desta montaxe transcorre ala polo 8 de xuño de 1901 onde dúas mulleres, Elisa e Marcela, casan na igrexa de San Xurxo na Coruña. Para conseguir enganar ao cura e facer oficial o seu amor, Elisa transfórmase en Mario. A voda e os posteriores sucesos que envolven a súa historia convírtenas no primeriro matrimonio lésbico do que temos constancia en todo o Estado mais tamén nunhas das mulleres máis trangresoras da Historia de Galicia. Elisa e Marcela son un símbolo do desafío ás regras do binomio de xénero e da defensa dos dereitos das parellas lésbicas.
Elisa e Marcela é a primeira montaxe teatral da historia do Teatro Galego en abordar a temática lésbica de forma explícita e protagonista e o primeiro tamén en poñer a historia de estas dúas mulleres sobre as táboas.
O espectáculo , unha coprodución de A Panadaría co Centro Dramático Galego, Concello da Coruña, Concello de Vimianzo e Concello de Rianxo é unha iniciativa artística que pretende reivindicar a figura destas dúas mulleres e a necesidade da defensa da liberdade e diversidade sexual.
Para que no 2018 deixemos de facernos empanadas e mesturas animais, para que celebremos as nosas diferencias e os amores en igualdade sexan referente, precisamos de Elisa e Marcela.
O nome da compañía fai referencia a un oficio artesán que proporciona alimento con elementos básicos. Por iso, o teatro de A PANADARÍA ispe o escenario para poñer no centro da súa proposta ás súas actrices creadoras. Fundada por Areta Bolado, Ailén Kendelman e Noelia Castro, é unha das compañías referentes da nova fornada do Teatro Galego.
Nace en 2013, recibindo axiña varios recoñecementos, entre eles o Premio da Crítica Galicia no ano 2015 pola súa montaxe “Panpan !!”.Os seus espectáculos apostan polo humor, a música e o xogo cos códigos teatrais. Alén disto, a compañía tamén é coñecida polo seu compromiso e ollada feminista, presente sempre nas súas propostas. Como parte da súa reivindicación en materia de igualdade, en Elisa e Marcela volven apostar por un equipo artístico e técnico conformado integramente por mulleres. Con esta montaxe reiben 4 premios MARÍA CASARES, entre os que se atopan Mellor Espectáculo, Mellor dirección, Mellor texto orixinal e Mellor actriz protagonista; o premio Luísa Villalta para Iniciativas Culturais pola Igualdade e o XIV Premio LGBT Marcela e Elisa do Colectivo ALAS.
A Panadaría é , en palabras da crítica, unha compañía que “terá moito que dicir no teatro galego do futuro”.
Elisa e Marcela é unha historia de amor a contratempo. Unha comedia musical onde o verídico parace invento.
Público: Adulto.
Entradas: 5 euros.