Viveiro 15-10-18. O BNG de Viveiro transmite o seu apoio á folga nos Puntos de Atención Continuada (PAC´s) en defensa dunha sanidade pública galega, gratuíta e universal e contra os recortes e o desmantelamento que está a levar a cabo o Partido Popular.
O persoal estatutario das categorías de Medicina de Familia e de Enfermaría que presta os seus servizos nos Puntos de Atención Continuada do SERGAS, irá á folga desde as 15:00 horas dos días 16, 19, 23, 26 e 30 de outubro e 2, 6 e 9 de novembro, rematando ás 8:00 horas do día seguinte; e desde as 8:00 horas dos días 21 e 28 de outubro e 4 e 11 de novembro. Denuncian a súa precaria situación e demandan unha resposta inmediata ás reivindicacións que levan sobre a mesa máis de seis meses, para poder pór as bases que permitan garantir unha asistencia sanitaria de calidade.
PAC DE VIVEIRO.
A fronte nacionalista non desexa que se repita o acontecido no PAC do concello da Estrada, onde o persoal sanitario atopábase fora atendendo outra urxencia e esta circunstancia, provocou que un paciente non puidera ser atendido. A súa morte “fixo saltar todas as alarmas sobre a situación da sanidade” e sobre a política sanitaria do Partido popular.
Por outra parte, lembran que o “risco 0 nunca existe” pero resulta evidente que a obriga do SERGAS é “garantir os medios necesarios para reducilo ao mínimo”.
Os nacionalistas de Viveiro reprochan ao Partido popular “non ter escoitado as demandas e advertencias do persoal dos PAC´s que levan meses denunciando a situación” ante a falta de profesionais sanitarios.
Propoñen un plan de mellora da atención primaria que garanta dúas equipas completas con persoal médico e de enfermería os 365 días do ano no centro de Urxencias de Viveiro -que atende ao Concello de Viveiro, O Vicedo e Ourol- e non só de venres a domingo.
“Por poboación, dispersión xeográfica, distancia ao centro hospitalario de referencia e tendo en conta que na Mariña só existe unha ambulancia medicalizada con base en Foz é necesario contar con dúas equipas todo o ano para garantir unha asistencia de calidade”, afirman.
“A atención a emerxencias sen persoal adecuado non é aceptable nun país desenvolvido; e a responsabilidade desta asistencia de baixa calidade é da mala planificación por parte do SERGAS”, conclúen.