Mondoñedo, 29 DE OUTUBRO DO 2018. O BNG de Mondoñedo no pleno celebrado o pasado venres votou en contra da proposta da alcaldía de bonificar e declarar a actividade de especial interese municipal aos proxectos do “Parque eólico de Sasdónigas”, fase I e II, por concurrir circunstancias sociais e de creación de emprego tal e como a sociedade NORVENTO SASDÓNIGAS S.L. solicitou no concello por terse acollido este ao programa Doing Business promovido pola FEGAMP e máis a Xunta de Galicia.
-NON SE CUMPREN OS OBXECTIVOS DO PROTOCOLO DOING BUSINESS-
Segundo o BNG mindoniense, a iniciativa Doing Business Galicia que ten por obxectivo a atracción, implantación e fixación de empresas no territorio galego non se cumpre tendo en conta que a empresa promotora leva catorce anos de trámites para a instalación do parque e que xa empezaron as obras esta semana logo de que o goberno municipal en Xunta de Goberno lle concedera licenza urbanística.
O voceiro nacionalista no concello de Mondoñedo, Eloi Cabanas, entende que, “a decisión de bonificarlle a Norvento un 50% da cota que ten que pagar correspondente ao ICIO non vai facer perigar a decisión da empresa promotora de executar ou non o proxecto do parque no noso concello”.
-CREACIÓN DE 5 POSTOS DE TRABALLO-
O grupo municipal do BNG discrepa da proposta levada a pleno polo goberno municipal de Elena Candia na que di que NORVENTO vai comprometerse á “creación de cinco postos de traballo de carácter permanente” no parque, e que este compromiso “significará que cinco familias novas, en idade de traballar, poderán asentarse (ou permanecer) no termo municipal”.
Para o edil nacionalista as previsións do concello son demasiado optimistas, “a empresa na solicitude que presenta no concello en realidade só se compromete a asignar un total de cinco traballadores pertencentes ás empresas do Grupo Norvento para traballar no parque, e non crear cinco postos de traballo como afirma a alcaldesa e aínda por riba que isto signifique que cinco familias veñan vivir a Mondoñedo”.
-MÁIS DE 100.000€ QUE DEIXA DE INGRESAR O CONCELLO-
Para o BNG renunciar á metade dos ingresos procedentes do ICIO por bonificarlle á empresa un 50% do imposto, é un luxo que o concello non se debe permitir.
Eloi Cabanas pídelle ao goberno de Elena Candia que se preocupe polos veciños aos que a empresa lles está entrando nas fincas cando aínda están sen resolver as alegacións que presentaron e que “non actúe como se estivera defendendo os intereses particulares dunha empresa privada”.
-ROGOS E PREGUNTAS-
No pleno celebrado o pasado venres o BNG formulou un rogo, que a alcaldesa manifestou que se ía ter en conta, para que o concello manteña en bo estado de conservación o panteón onde repousan os restos de Pascual Veiga no cemiterio vello.
Segundo Eloi Cabanas o monumento está moi deteriorado e incluso ten partes rotas.