Site icon Crónica3.com A Mariña

Nome: Bonita, gañadora do Premio Mondoñedo10 na modalidade de Teatro

Mondoñedo, 15 de outubro de 2018. A obra gañadora foi seleccionada de entre once finalistas. Nome: Bonita, gañadora do Premio Mondoñedo10 na modalidade de Teatro.

O xurado, integrado por representantes das principais organizacións culturais de Galicia, reuniuse onte pola mañá na Cidade da Paula

Ao entender do xurado, Nome: Bonita, de Vanesa Sotelo, revela unha voz dramática moi sólida caracterizada por un lirismo que entronca coa dramaturxia do mindoniense Álvaro Cunqueiro. O xurado destaca que a obra manifesta o valor testemuñal ao respecto das mulleres represaliadas ao longo da historia. Nun entrecruzamento de linguas e culturas, a partir da figura da cangaçeira brasileira, a autora crea un arquetipo universal da muller loitadora. A acción dramática está atravesada polos conceptos da identidade, a memoria e a ecoloxía como metáfora.

A Asociación As San Lucas en colaboración co Colectivo Mondoñedo É … e o Concello de Mondoñedo convocaron esta terceira edición do galardón co obxectivo de establecer vínculos permanentes entre a cidade e o concello que lles dá nome coas mellores obras de creación cultural producidas en Galicia e en galego nos últimos dez anos.

O prestixio decantado ao longo dos séculos por institucións e persoeiros de ascendencia

ou residencia mindoniense, así como a recoñecida achega destes á cultura galega en xeral,xustifican a creación destes galardóns que se entregarán anualmente co fin de contribuír a salvagardar para a memoria do presente e do futuro da lingua e da cultura galegas aquelas obras que a xuízo do xurado merezan este recoñecemento.

Na primeira edición correspondente ao ano 2016 o xurado elixiu como mellor obra de

Narrativa publicada en galego entre os anos 2006 e 2015 Os libros arden mal da autoría de Manuel Rivas, publicada por Edicións Xerais de Galicia, col. Narrativa, 2016. Na segunda edición correspondente ao ano 2017 o xurado elixiu como mellor obra de

Poesía publicada en galego entre os anos 2007 e 2016 Hordas de escritura da autoría de Chus Pato, publicada por Edicións Xerais de Galicia, 2008.

Xurado

A composición do xurado nesta terceira edición do Premio Mondoñedo10, que distingue á mellor obra dramática publicada en Galicia e en galego entre os anos 2008 e 2017 estivo formado por Antonio Reigosa Carreiras, Cronista oficial de Mondoñedo, que actuou como Presidente. Os vocais foron Olivia Rodríguez González, en representación da Real Academia Galega (RAG); Dolores Vilavedra Fernández, en representación do Consello da Cultura Galega; Afonso Becerra Arrojo, en representación da sección de literatura dramática da Asociación de Escritores e Escritoras en Lingua Galega (AELG); Antonio Salgado Rodríguez, en representación da Asociación de Actrices e Actores de Galicia (AAAG); Tareixa Campo Domínguez, en representación da Asociación Galega de Editoras (AGE); Diego Vázquez Meizoso, en representación da Asociación Galega de Empresas de Artes Escénicas Escena Galega e Francisco Piñeiro González, en representación do concello de Mondoñedo. Exerceu a secretaría do xurado por designación da organización o mindoniense Fran Bouso.

A obra gañadora foi seleccionada de entre once finalistas

A nómina de finalistas é a seguinte:

1.- Onde andas Karl? / RUBÉN RUIBAL

Embora, 2009 ISBN: 978-84-92644-07-0

2.- Flores de Dunsinane / MANUEL LOURENZO

Xerais, 2010 I.S.B.N.: 978-84-9914-141-1

3.- As do peixe / CANDIDO PAZÓ

Contraproducións, 2013

4.- Sempre quixen bailar un tango / TERESA GONZÁLEZ COSTA

Xerais, 2009 I.S.B.N.: 978-84-9782-506-1

5.- Eroski Paraíso / Chévere

Kalandraka, 2016 ISBN: 978-84-8464-373-9

6.- Suite Artabria / MANUEL LOURENZO

Xerais, 2017 I.S.B.N.: 978-84-9121-252-2

7.- O refugallo / PAULA CARBALLEIRA

Xerais, 2013 I.S.B.N.: 978-84-9914-573-0

8.- Os cans non comprenden a Kandisnsky / AVELINA PÉREZ

Erregueté (Revista galega de Teatro, nº 91), 2017.

9.- Voaxa e carmín / ESTHER F. CARRODEGUAS

Difusora de Letras, Artes e Ideas,2016 ISBN 978-84-92958-38-2

10.- Raclette / SANTIAGO CORTEGOSO

Ibuprofeno Teatro, Xerais, 2015 I.S.B.N.: 978-84-9914-872-4

Ademais da peza que resultou vencedora:

11.- Nome: Bonita / VANESA SOTELO

Instituto Nacional de las Artes Escénicas y de la Música, 2015 NIPO: 035-14-055-3

Acto de entrega

O auditorio Pascual Veiga de Mondoñedo acollerá o vindeiro domingo, 21 de outubro ás doce e media do mediodía o acto de entrega do Premio Mondoñedo10 2018 Teatro no transcurso dun acto no que o grupo de teatro da asociación cultural Alexandre Bóveda representará dúas breves pezas teatrais, unha de Rafael Dieste e outra de Álvaro Cunqueiro baixo a dirección de Lino Braxe.

Vanesa Sotelo, a autora de Nome: Bonita

Vanesa Sotelo (Cangas, do Morrazo, 1981) é dramaturga, actriz e directora teatral. Despois de traballar como dramaturga residente no proxecto DRAMA3 do CDG coa escrita de Estigma (xunto con Rubén Ruibal e Jacobo Paz), en 2010 obtén o Premio do Xurado do IV Certame “Diario Cultural” con Indoor e o XIII Josep Robrenyo con Memoria do incendio. En 2011 recibe o IV Premio Abrente de Textos Teatrais con Campo de covardes. En 2014 é seleccionada dentro do III Programa de Desarrollo de Dramaturgias Actuales do INAEM con Nome:Bonita e, ese mesmo ano, participa no proxecto internacional “365 women a year” con O retrato da sibila. Na última década asina a dirección e a dramaturxia de espectáculos como Kamouraska (2010), Antiheroica (2013), Eila (2018) ou Laica (2018). Na actualidade, é a directora da erregueté-Revista Galega de Teatro e combina o seu traballo creativo coa faceta como pedagoga en diferentes colectivos e institucións de Galicia e Portugal.

Exit mobile version