Site icon Crónica3.com A Mariña

Manuel Rouco: “Os orzamentos da Xunta para 2019 atenden as demandas máis importantes para garantir o desenvolvemento de Burela”

Burela, a 23 de outubro de 2018.- O presidente do Partido Popular de Burela, Manuel Rouco, valora “moi positivamente” os orzamentos da Xunta para o Concello burelés; xa que “atenden as demandas máis importantes existentes agora mesmo no noso concello de cara a garantir o seu desenvolvemento no eido da sanidade, a seguridade no porto e a resolución dos problemas de saneamento que ten a actual EDAR”.
Rouco considera que “a aportación de preto de 900.000 euros para seguir executando o Plan Director do Hospital da Mariña segue demostrando, un ano máis, a aposta decidida pola sanidade pública e máis concretamente co noso centro sanitario. As obras de ampliación e acondicionamento seguirán adiante, xunto coa dotación de mobiliario e novos equipamentos tecnolóxicos. Esa é a realidade que algún se empeña en non ver e mesmo ocultar”.
O popular considera “moi importante a mellora da seguridade para os barcos que empregan o noso porto”. A este fin, “o Executivo galego achega un investimento de 500.000 dirixido á construción do novo dique en diagonal desde ABSA ata a prolongación do martelo”. Pero, ademais, as contas do Goberno galego reservan unha partida de 200.000 euros para a nave de redes”, asegura. “A Xunta inviste, polo tanto, 700.000 euros para favorecer ao sector pesqueiro burelés”, engade.
Rouco asegura que “as dúbidas dalgúns sobre o compromiso da Xunta de Núñez Feijóo coa nova EDAR quedan disipadas. Estes presupostos inclúen a nova EDAR de Burela no plan de actuacións 2014-2020 cun investimento de 776.087 euros que permitirán licitar a obra”. E, por outra banda, as contas do Executivo autonómico recollen unha partida de 400.000 euros para o consorcio de abastecemento de auga para Cervo-Burela.

Aposta firme da Xunta do PP por Burela
“Burela beneficiarase de actuacións específicas ás que hai que engadir outras incluídas en partidas xenéricas que elevarán as achegas do Goberno autonómico ao municipio”.
En definitiva, engade Manuel Rouco, “Burela segue a ser un concello no que a Xunta actúa con decisión: ampliación do Hospital, acceso ao Porto, nova escola infantil e outras actuacións demostraron nestes últimos anos a aposta firme da Xunta do Partido Popular por Burela. Os orzamentos para 2019 ratifican esa aposta a pesares da nula xestión feita polo actual alcalde e o seu goberno municipal que están dilapidando catro anos en festas e fotos sen ningún interese de cara ao futuro do noso concello. Futuro polo que sí aposta a Xunta que preside Núñez Feijóo”.

Novo pavillón de deportes
O presidente do PP local, por outra banda, acusa ao alcalde socialista de “falta de lixeireza no traballo” ao ser “incapaz de negociar nin un só céntimo” dos presupostos da Xunta de Galicia do vindeiro ano para o pretendido pavillón de deportes de Burela.

Exit mobile version