Mondoñedo, 29 de outubro de 2018.- Á vista da información difundida polo Grupo Municipal do PSOE de Mondoñedo no día de hoxe en relación coa creación de cinco postos de traballo da empresa Norvento na localidade, o Goberno local aclara que:
O Concello de Mondoñedo aplicou no caso desta empresa a ordenanza municipal en vigor e o convenio da FEMP ao que están subscritos os Concellos doing business.
A modificación das ordenanzas do IBI, IAE e ICIO que aprobou a Corporación mindoniense contou co voto favorable de todos os Grupos con representación na Corporación, incluído o PSOE.
Este acordo, que insistimos, foi votado favorablemente tamén polo PSOE, permitiu a Mondoñedo ser Concello doing business.
O obxectivo último desta adhesión era e sigue sendo a implantación e fixación de empresas no municipio e, por tanto, o asentamento de poboación en Mondoñedo.
A través desta iniciativa ofrécense máis incentivos fiscais, simplificación da carga administrativa e facilidades de acceso ao solo empresarial para incentivar a creación de empresas en Mondoñedo coa fin de manter os postos de traballo existentes e xerar novas oportunidades laborais e económicas.
O Goberno local lamenta estas declaracións tan inoportunas do PSOE e da súa voceira, Esperanza González, en contra da creación de emprego na nosa localidade.
Lamentan ademais que a voceira do PSOE só lle preocupe cobrar o salario de asesora na Deputación sen facer achega algunha ao seu municipio, máis que a crítica feroz e despiadada contra aqueles que só miran polo futuro e o desenvolvemento económico de Mondoñedo.
O Concello asegura que seguirá traballando para crear emprego e precisa que, sempre que unha empresa se comprometa a xerar emprego, terá a posibilidade de acollerse aos incentivos do doing bussines.