Lugo, 24 de outubro de 2018.- A subdelegada do Goberno, Isabel Rodríguez, e a alcaldesa de Trabada, Mayra García Bermúdez, mantiveron unha xuntanza de traballo na subdelegación do Goberno na que analizaron as principais necesidades que ten este concello en materia de comunicacións.
Logo do encontro, a subdelegada indicou que “foi un encontro moi fructífero que estou segura de que vai dar bos resultados, no que a alcaldesa de Trabada me explicou as súas demandas máis importantes, algunhas delas que veñen de vello e nunca foron atendidas polo anterior Goberno”.
Pola súa parte, Mayra García Bermúdez expresou a súa satisfacción trala xuntanza e explicou que “solicitei esta reunión para tratar coa subdelegada diferentes temas de importancia para os veciños de Trabada”.
A alcaldesa anunciou que un dos problemas analizados é o perigo que representan unhas árbores que medran á beira da N-640, na ría de Abres, e están moi próximas a varias vivendas. “Preocúpame o risco que representan esas árbores para a seguridade dos veciños, xa que hai varias vivendas nas inmediacións, por iso levo tempo facendo xestións e xa lle trasladara este problema a principios deste ano ao anterior Goberno e non lle deu ningunha solución”, indicou García Bermúdez quen mostrou a súa satisfación trala xuntanza porque “estou segura de que agora sí o imos resolver”.