A través deste programa, que se desenvolverá ata finais de 2018, promóvese a adquisición e mellora de habilidades sociais, formativas e prelaborais, así como tamén se imparten programas e técnicas que favorezan a habilitación funcional da persoa, reducindo a incidencia da discapacidade. Ademais de potenciar as capacidades tanto cognitivas como intelectuais, tamén se traballa a inserción social, as relacións interpersoais e o mantemento e recuperación fisioterapéutico.
Este proxecto de Desenvolvemento Integral para Persoas con Discapacidade da Mariña Lucense é posible coa financiación de 12.000 euros procedentes da convocatoria de subvencións da Xunta de Galicia a través dos fondos do 0,7% do IRPF da declaración da renda, procedentes das persoas contribuíntes que marcaron o cadro de “Actividades de interese Xeral consideradas de interese social”.
Entre as accións que se desenvolven, están as dirixidas á formación e capacitación a través da recuperación e o mantemento físico e funcional. Trabállase tamén o mantemento do rendemento cognitivo a través da lectura, escritura, cálculo, atención, a orientación espacial e temporal e tamén realizando saídas culturais a bibliotecas e museos. Ademais, o proxecto de desenvolvemento integral imparte obradoiros prelaborais de comprensión, forma en novas tecnoloxías de informática e mellora a autonomía persoal ofrecendo servizos de apoio
Todas as actividades que se levan a cabo no centro de recursos de Palmeiro que ten en Xove A Mariña-COGAMI teñen como finalidade mellorar a calidade de vida das persoas con discapacidade da comarca.
Asociación A Mariña-COGAMI
É unha organización non gubernamental constituída no ano 1989 para coordinar e promover a defensa dos intereses das persoas con discapacidade de A Mariña para acadar a máxima atención social á problemática que representan e a súa total integración na sociedade.