Site icon Crónica3.com A Mariña

VIA faise eco das queixas dos veciños de Alfoz respecto ao servizo de recollida de lixo

Desde o pasado mes de xaneiro, Alfoz e O Valadouro realizan a xestión compartida do servizo de recollida domiciliaria de lixo e do punto limpo. Para o seguimento deste servizo púxose en marcha unha Comisión Mixta formada por membros de todos os grupos municipais de ambos concellos.

Na primeira reunión da Comisión Mixta, celebrada no pasado mes de abril para o seguimento da implantación do servizo, analizáronse as posibles deficiencias e pedíuselle á empresa adxudicataria a elaboración dun calendario de rutas a realizar e, polo tanto, da frecuencia das mesmas. Este calendario, tal e como estipula o prego de prescricións técnicas do contrato, debe ser sometido á consideración e á aprobación final por parte de ambos concellos. Nesa mesma reunión, Xabier Pardiñas, voceiro do Grupo Municipal de Veciños Independentes de Alfoz, advertiu que no Concello de Alfoz se estaban realizando menos recollidas das estipuladas, entendendo por estas as que se realizaban antes do inicio da prestación do servizo polo novo adxudicatario, é dicir, como mínimo, dúas veces á semana o colector verde e unha vez á semana o colector amarelo, en todo o concello.

Tras as queixas recibidas por parte de veciños de diferentes parroquias, desde VIA tense comprobado que “hai barrios onde se están recollendo os colectores verdes unha única vez á semana e os amarelos cada 15 días, quedando depositado o lixo, en moitos casos, incluso fora dos colectores”.

Ademais considérase que se está incumprindo o prego de prescricións técnicas do contrato en canto á obriga de mantemento, reposición e conservación dos colectores, xa que se comprobou que existen algúns en condicións deficientes, “isto sen contar que desde o Concello de Alfoz se entregaron 80 colectores amarelos e 20 verdes”, tal e como apuntan desde VIA.

Por outra parte, despois de revisar os datos de xeración de residuos tanto no estudo de viabilidade do servizo, coma nos datos de vertido do ano 2017, VIA considera desequilibrado o retarto de pesadas en función das cifras oficiais de poboación de ambos concellos, sendo perxudicado o Concello de Alfoz, máxime se se ten en conta que a frecuencia de recollida no Concello de O Valadouro é maior.

Por estes motivos, VIA ven de solicitar a convocatoria dunha sesión extraordinaria da Comisión Mixta para a xestión compartida do servizo, ao considerar que non se están cumprindo os obxectivos do contrato, “xa que se pretendía que coa xestión compartida se abarataran os custes e se mellorara o servizo”, tal e como indica a Xabier Pardiñas, voceiro de VIA.

Exit mobile version