Site icon Crónica3.com A Mariña

O vindeiro luns comezará en Foz o pintado da Rúa Álvaro Cunqueiro, o que permitirá acceder aos aparcamentos privados e garaxes

Foz, 30 de agosto de 2018. O Concello de Foz anuncia que o vindeiro luns se iniciará o pintado na rúa Álvaro Cunqueiro, o que permitirá acceder aos aparcamentos privados e garaxes a partir da vindeira semana. O alcalde, Javier Jorge Castiñeira, explica que o bo ritmo dos traballos permite tomar esta decisión por parte da dirección facultativa da obra.
“Desde o equipo de goberno queremos informar a todos os veciños de Foz, pero especialmente aos afectados que teñen aparcamentos privados e garaxes na rúa Álvaro Cunqueiro, que durante a semana que vén abrirase o acceso para que todas estas persoas poidan xa acceder ao seu aparcamento privado. Isto é posible dado que a obra leva un ritmo moi bo e xa está rematado practicamente o pavimento do 75 por cento da rúa. Vaise poder acceder polas vías que son perpendiculares, tanto desde a rúa do Pilar como da avenida da Mariña, por García Lorca e por Xoán Montes ou tamén pola prolongación de García Lorca”, manifestou o rexedor municipal.
O alcalde engadiu que “en principio, unha vez rematados os traballos de pintura que se empezarán para o luns, xa se poderán facer os accesos dunha forma máis ou menos segura”. Pero dilles “a todos os usuarios dos parkings que teñan precaución porque se vai facer o acceso por unha obra que aínda non está rematada nin entregada, e polo tanto necesítase precaución para facer estes accesos”.
Javier Castiñeira manifestou ademais: “dicirlle ao Partido Socialista que deixe de criticar un día si e outro tamén esta obra, que deixe de precipitarse nas súas opinións, porque quen toma decisións, e xa o dixemos moitas veces, en aras da seguridade, é a dirección facultativa, e loxicamente ata que estea pintado o vial non se pode acceder con ningún vehículo á zona da obra. Dicirlles que tomen unha actitude moito máis positiva, como está facendo Foz Plataforma de Futuro, que está aportando melloras como suplementar neste proxecto as canalizacións de pluviais tanto en Xoán Montes como en García Lorca. Vaise intentar preparar un suplemento deste proxecto, a cargo do que é a poxa á baixa da obra, para intentar aumentar a canalización de pluviais, que pecharía o ciclo das pluviais. Isto permitiunos que días como o pasado luns, de moita auga, funcionaran perfectamente tanto na avenida da Mariña como en Álvaro Cunqueiro. Con actitudes positivas como a de Foz Plataforma de Futuro pódese avanzar nas melloras destas obras, pero con actitudes opostas, negativas e críticas, como está facendo o Partido Socialista, o único que consigue é lear á xente, que non teña unha percepción do bo ritmo que está tendo a obra e das bonanzas que vai ocasionar unha vez que estea rematada moito antes do prazo, como así se estima”.

Exit mobile version