Site icon Crónica3.com A Mariña

O VII Fórum de innovación e formación sobre vehículos, que se celebra en Ribadeo, acolleu a presentación do novo Ford focus, que correu a cargo de Talleres Cardi

Ribadeo, 29 de agosto de 2018. O VII Fórum de Innovación e Formación sobre Vehículos, que se celebra desde este martes en Ribadeo nas instalacións do hotel O Cabazo, acolleu este mediodía a presentación do novo Ford Focus, que correu a cargo de Talleres Cardi.
Polas mañás, ata o venres, teñen lugar diversas ponencias e polas tardes son os talleres. Na xornada deste mércores abordáronse temas como os sensores intelixentes, as baterías e a tecnoloxía dos acumuladores. Durante a tarde desenvólvense os talleres de soldadura, climatización, equipos didácticos Leybold, aerografía, equipos de soldadura Kemppi e metodoloxía de organización 5S.
O presidente de APAGA, Álvaro Doural, salientou que “nesta xornda tivemos a presentación do novo modelo do Ford Focus. Agradecemos a Talleres Cardi, servizo oficial Ford en Ribadeo, a súa colaboración e a participación no fórum coa presenza deste novo modelo da marca”.
Mañá, 30 de agosto, o programa dará comezo coa intervención de Antonio Jiménez Núñez, director da escola de formación de Scania, quen falará da evolución tecnolóxica da marca. Continuará o formador técnico de TRS Racing Team Luis de Frutos Ruiz expoñendo a técnica en vehículos de competición.
Pola tarde continuarán os talleres e ademais terá lugar a presentación dos resultados da mobilidade a Turquía, que levou a cabo a Asociación de Profesores de Automoción de Galicia nos últimos meses. Tamén se presentará o proxecto Mellorando as aptitudes e competencias claves na FP.
Ás 19:30 horas nas instalacións do hotel O Cabazo, onde se está a desenvolver este foro, celebrarase a presentación de proxectos aprobados para 2018 e a asemblea xeral de APAGA.
O VII Fórum de Innovación e Formación sobre Vehículos rematará o venres, 31 de agosto, en Ribadeo. Pero este ano presenta, como novidade, a celebración de actividades externalizadas e desenvolverá dous cursos en Pamplona, sobre novos equipos didácticos os días 3 e 4 de setembro e sobre equipos de diagnose os días 5 e 6 de setembro. O programa completarase cun curso de pintura, que terá lugar os días 6 e 7 de setembro en Madrid.

Exit mobile version