O delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, entregou hoxe os diplomas aos alumnos traballadores que participaron na iniciativa, financiada con 280.000 euros pola Consellería de Economía, Emprego e Industria co apoio dos concellos promotores. Ao acto asistiron tamén os alcaldes de Ourol, José Luis Pajón, e o de Muras, Manuel Requeijo, así como a tenente alcalde do Vicedo, Pilar Otero, e a xefa territorial da Consellería de Economía, Emprego e Industria, Pilar Fernández, entre outros.
O obradoiro contou con 20 prazas, 14 na especialidade de carpintaría e moble e outras seis na de atención sociosanitaria a persoas no domicilio. Estes últimos realizaron a aprendizaxe teórica e práctica nunha residencia da terceira idade de Viveiro.
Balseiro explicou que os obradoiros son programas mixtos de formación e emprego que pretenden mellorar a empregabilidade dos participantes, reorientando a súa traxectoria en función da demanda de emprego local. Ao respecto, subliñou o auxe que está a experimentar o sector vinculado á prestación de servizos para persoas en situación de dependencia e lembrou que os alumnos que superen o obradoiro obteñen un certificado de profesionalidade, necesario para exercer un traballo neste ámbito.
Igualmente, afirmou, “estas iniciativas serven para realizar obras e servizos de interese para os veciños e veciñas dos municipios que as acollen”, e neste sentido gabou “a interesante aposta por unha sinalización máis harmoniosa e acorde cos paraxes naturais e as localizacións ás que fai referencia, unha actuación que contribúe a embelecer as estradas e pobos desta zona”. As sinais están elaboradas, se ben non están instaladas na súa totalidade.
En concreto, en Ourol o obradoiro realizou os sinais e diverso mobiliario que terá como destino o edificio multiusos da localidade e nos centros sociais de Merille, Vilares, Xerdiz, Miñotos e O Sixto.
En Muras, ademais do traballo de sinalización tamén construíron mobles para a Casa Consistorial, e no Vicedo elaboraron novas sinais, mobiliario e un pequeno porche, entre outros elementos de madeira.
O delegado territorial lembrou que a Xunta ten en marcha unha nova convocatoria de obradoiros de emprego, que se irá resolvendo nas vindeiras semanas, e á que destina preto de 30 millóns de euros, incrementando o orzamento nun 50 por cento con respecto á anterior.
Como principal novidade cabe lembrar a posta en marcha dos obradoiros de emprego duais, que combinan un contrato de formación e aprendizaxe durante 9 meses e a contratación en prácticas de, como mínimo, tres meses máis nunha empresa local, co apoio da Xunta.