Site icon Crónica3.com A Mariña

Este xoves ten lugar a asemblea xeral de Apaga. Será dentro do VII Fórum de Innovación e Formación sobre Vehículos, que se celebra en Ribadeo. Tamén serán protagonistas as mobilidades realizadas este ano e os proxectos aprobados para o vindeiro curso

Ribadeo, 30 de agosto de 2018. Continúa en Ribadeo o VII Fórum de Innovación e Formación sobre Vehículos, que organiza a Asociación de Profesores de Automoción de Galicia.
Hoxe o programa deu comezo coa intervención de Antonio Jiménez Núñez, director da escola de formación de Scania, quen falou da evolución tecnolóxica da marca. O formador técnico de TRS Racing Team Luis de Frutos Ruiz expuxo a técnica en vehículos de competición. E Joaquín Vázquz Gómez, delegado do Servizo Branch NM, falou da comparativa técnica e económica entre a soldadura láser e por resistencia na industria do automóbil.
Pola tarde continuarán os talleres e ademais terá lugar a presentación dos resultados da mobilidade a Turquía, que levou a cabo a Asociación de Profesores de Automoción de Galicia nos últimos meses. Tamén se abordará o proxecto Mellorando as aptitudes e competencias claves na FP. Xa ás 19:30 horas nas instalacións do hotel O Cabazo, onde se está a desenvolver este foro, celebrarase a presentación de proxectos aprobados para este curso e a asemblea xeral de APAGA.
A xornada concluirá cunha cea á que asistirán todos os participantes neste Fórum.
Mañá, 31 de agosto, intervirá neste evento José Luis Fernández, que é instructor de BMW e tamén o profesor italiano Marco Parisio, do CFP Zanardelli, centro que participar en proxectos e mobilidades a carón de Apaga. Ademais Tomás Antonio Fernández Piñeiro, do grupo PSA realizará a presentación técnica do novo DS7 Crossback.
Así rematará mañá o VII Fórum de Innovación e Formación sobre Vehículos en Ribadeo. Pero a vindeira semana continuará a celebración de actividades externalizadas por parte de Apaga, unha novidade deste 2018. Haberá dous cursos en Pamplona sobre novos equipos didácticos os días 3 e 4 de setembro e sobre equipos de diagnose os días 5 e 6 de setembro. O programa completarase cun curso de pintura, que terá lugar os días 6 e 7 de setembro en Madrid.

Exit mobile version