Site icon Crónica3.com A Mariña

A Xunta financia a contratación de dez persoas perceptoras da RISGA no Concello de Burela

Burela, 29 de agosto de 2018.- A Consellería de Economía, Emprego e Industria financiará ao Concello de Burela para contratar a cinco novas persoas perceptoras da Renda de Integración Social de Galicia (RISGA), que se sumarán aos cinco traballadores cuxa incorporación xa fora autorizada este ano.

Así o anunciou o delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, quen precisou que as novas contratacións serán posibles froito dunha ampliación dos recursos destinados a este programa. Dese xeito, serán dez as persoas que pasarán de cobrar a Risga a incorporarse ao mercado laboral no municipio mariñán, o que significa que a Consellería atendeu a solicitude do Concello na súa totalidade.

A achega global é de case 85.000 euros, mediante os cales a Administración autonómica financiará os salarios e as cotizacións á Seguridade Social destes traballadores durante un periodo de sete meses.

Os postos de traballo cubertos a través deste programa deben destinarse á realización de obras e servizos de interese xeral para os concellos. No caso de Burela, as persoas beneficiarias dos contratos desempeñarán funcións de peóns de servizos múltiples (4), xardineiros (4) e conserxes (2).

Esta iniciativa impulsada pola Administración autonómica persegue evitar que se cronifique a situación de exclusión laboral das persoas que perciben a Risga. Os beneficiarios son perceptores desta renda que deben estar inscritos no Servizo Público de Emprego de Galicia como demandantes non ocupados. Entre eles, terán preferencia aqueles que teñan asinado un proxecto de inserción de carácter laboral, conten con cargas familiares ou teñan máis de 45 anos.

Exit mobile version