Site icon Crónica3.com A Mariña

A Xunta achega 45.500 euros para a mellora do pavillón municipal en Alfoz e do depósito de agua de Azoreira

Alfoz, 30 de agosto de 2018.- A Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza aprobou unha achega de 45.450 euros ao Concello de Alfoz para levar a cabo reformas na instalación eléctrica do pavillón municipal e no depósito da Azoreira.

O delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, explicou que ambas actuacións tan heteroxéneas teñen en común que redundan nunha mellora ambiental: a relativa ao pavillón desde o punto de vista enerxético e, a que afecta ao depósito de auga pola potenciación da capacidade de subministro.

Tecnoloxía LED
A renovación da instalación eléctrica do polideportivo de Alfoz, que ademais do seu uso deportivo é escenario de diversos actos de carácter cultural, permitirá, en efecto, mellorar a eficiencia enerxética no edificio. Entre as accións previstas está a substitución de equipos de iluminación por sistemas con tecnoloxía LED, de intensidade regulable. A reforma tamén contribuirá a un aforro eléctrico considerable, compatible coa mellora da iluminación interior.

Depósito da Azoreira
Este apoio económico da Administración galega tamén permitirá executar melloras no depósito regulador da Azoreira, para acadar unha garantía total da salubridade na subministración de auga potable. Esta instalación ten unha capacidade de 175 metros cúbicos e subministra a toda a parroquia de San Vicente de Lagoa. Unha das actuacións proxectadas é a colocación dunha potabilizadora compacta.

Balseiro lembra que a través destas axudas a Xunta asume un triplo compromiso: co medio ambiente -está dirixido a actuacións ambientais-, coas facendas locais, xa que representa un importante ingreso para as arcas municipais; e por último cos habitantes das zonas rurais de Galicia.

Exit mobile version