Site icon Crónica3.com A Mariña

A mancomunidade de municipios da Mariña presentou a nova web para a promoción turística da comarca. En breve estará enlazada coa páxina principal desta entidade

A Mariña, 30 de agosto de 2018. A Mancomunidade de Municipios da Mariña presentou este mediodía a web masquegalicia.es. Trátase dun complemento á revista turística da Mariña que saíu á luz hai unhas semanas e da que se editaron arredor de 10.000 exemplares. Nesta web hai información dos 16 concellos da Mancomunidade, do Camiño Norte, dos artesáns e das festas desta zona. O presidente da Mancomunidade, Alfredo Llano, anunciou que en breve estará enlazada coa web principal da Mancomunidade de Municipios, a denominada amariñalucense.gal. Ao acto que se desenvolvía en Burela, asistiron representantes dos Concellos de Alfoz, O Valadouro e Viveiro, entre outros.
Alfredo Llano explicou que “fixemos unha presentación do que é un complemento da nosa páxina principal da Mariña, que é amariñalucense.gal. Agora abrimos unha páxina independente, que vai ter enlace no futuro coa nosa, que se chama masquegalicia.es”.
O presidente da Mancomunidade dixo que “esta nova fórmula para dar a coñecer o patrimonio turístico que temos na Mariña, xa se pode abrir e ven explicar o que está recollido na publicación que fixemos na Mancomunidade, e que estamos repartindo a todo o mundo que veu este ano á Mariña. Fixemos dez mil números, e é unha revista extraordinaria onde se presenta cada un dos dezaseis Concellos e o que ofrecen no aspecto do turismo”.
Alfredo Llano declarou que “esta nova páxina recolle o que aparece na revista, pero con máis información. Polo tanto estamos en contacto cos Concellos para que poida accederse directamente ao que oferta cada un deles”.
O presidente da Mancomunidade adiantou que “estamos pensando en darlle un cambio á nosa páxina web amariñalucense.gal, porque desde o ano 2016 non se fixo unha adaptación ao que se está facendo agora na Mancomunidade respecto ao turismo. Imos aproveitar esta iniciativa con esta nova páxina e imos intentar aportar moita máis información, moito máis especificada en cada un dos concellos”.
O presidente da Mancomunidade de Municipios da Mariña subliñou que “isto ven darlle un novo espazo vital no que é a información que se pode atopar na nosa páxina da Mariña. Consideramos que temos que avanzar constantemente e facer unha modificación anual para especificar cada un dos programas e o que queira incorporar cada un dos Concellos. Nese aspecto cremos que estamos dando un paso adiante”.

Exit mobile version