Site icon Crónica3.com A Mariña

Villares agradece á Xunta a axuda concedida de 500.000 euros que destinarase a humanizar a aldea de Cervo

Cervo, 3 de xullo de 2018. O alcalde, Alfonso Villares, agradece á Xunta de Galicia a axuda que vén de conceder ao Concello de Cervo por un importe de 499.550 euros “que destinaremos a humanizar o núcleo da Aldea de Cervo, entre as Rúas Calabadexo e Xosé Álvarez”. A superficie do ámbito de actuación é de 1.782,33 m2.
O rexedor, que visitou a zona acompañado do delegado territorial da Xunta de Galicia, José Manuel Balseiro, destacou a importancia de conseguir este financiamento “co que poderemos materializar un proxecto ambicioso pensado para embelecer unha zona emblemática da capitalidade municipal, xa de por si con moito encanto”.
Villares concretou que os traballos que se van acometer contemplan a mellora do pavimento das rúa, eliminando barreiras arquitectónicas e renovando a rede de saneamento, independizando a recollida de augas fecais e pluviais; e a rede de abastecemento de auga.
Ademais, tamén se renovará a rede de alumeado público, substituíndo o tendido en superficie por unha canalización soterrada, e a rede de telefonía “co que reducimos o impacto visual, contribuíndo así tamén á humanización de toda esta contorna”.
Villares destacou que esta obra segue a mesma liña que outros proxectos que vimos presentando en meses pasados “todas as actuacións que plantexamos foron concibidas baixo tres premisas: a mellora da accesibilidade coa eliminación das barreiras arquitectónicas, a humanización da zona na que se actúa e a aposta polo saneamento, independizando as canles de recollida de fecais e pluviais”.

Exit mobile version