García Porto sinalou que “o Executivo Provincial promove esta iniciativa, co obxectivo de dinamizar a vida cultural das nosas vilas e contribuír a poñer en valor as nosas tradicións con este festival no que actuarán grupos punteiros da musica galega como Os Carecos, Monolious DOP, NAO e Ruxe Ruxe”. Ademais, apoiando está Festival contribuímos a consolidar esta cita e, ao mesmo tempo, poñemos en valor o traballo dos nosos grupos e a música popular galega.”
Pajón Camba convidou a todos os visitantes a achegarse á parroquia de Bravos e desfrutar desta cita única na que ademais de música, haberá xogos populares, obradoiros de instrumentos e de baile a cargo do grupo Pesdelán. E agradeceu a implicación da Asociación Cultural Aturuxeiros de Bravos, “sen o seu traballo este proxecto non sería posible”.
Sabela Ramil agradeceu a colaboración tanto do Concello de Ourol como da Deputación na organización e promoción deste VII Festival Aturuxo. “Ourol e a parroquia de Bravos volven transformarse durante un fin de semana con esta aposta pola cultura, polo rural e a música”. Ademais, sinalou que “este proxecto non sería posible sen o apoio de todo o tecido asociativo e empresarial do Concello de Ourol e dos voluntarios que desinteresadamente prestan o seu tempo para que este evento cultural sexa un éxito un ano máis”, explicou Ramil.
Programa de actuacións
A VII edición do Festival Auturuxo comezará o venres día 20 xullo cunha cea popular e unha foliada aberta ao público e contará coa actuación do grupo Andarivel. A xornada do sábado arrancará ás 13:30 horas coa sesión vermú e outras actuacións musicais. A partir das 17:00 horas haberá animación nas rúas e xogos populares dirixidos a todas as idades e obradoiros de instrumentos con materiais reciclados. Ás 18:00 horas, tamén haberá un obradoiro de baile a cargo do grupo Pesdelán. Ás 22:30 horas comezará o propio festival musical, cos concertos dos grupos Os Carecos, Monolious DOP, NAO e Ruxe Ruxe. A organización ten prevista unha zona de acampada gratuíta ao carón da Igrexa parroquial de Santiago de Bravos. Haberá servizo de autobús gratuíto dende a Estación de Autobuses de Viveiro a Bravos.