Foz, 3 de xullo de 2018. Hoxe, martes, tivo lugar na Casa da Xuventude de Foz a reunión de presentación do programa Aberto x Vacacións, para o que todas as prazas, 120 para este mes e outras tantas para o de agosto, están esgotadas desde os primeiros días do período de inscrición.
No acto participaron o alcalde focense, Javier Jorge Castiñeira, que desculpou a ausencia da Concelleira de Xuventude, Mercedes González Alonso, que non puido asistir por motivos de traballo. Co rexedor municipal estivo María Gómez, da empresa IG10.
Co programa Aberto x Vacacións nenos e nenas de 3 a 12 anos gozarán das mañás deste mes e de agosto con actividades deportivas, lúdicas, etcétera.
O alcalde amosou a súa satisfacción con este programa, no que nenos e nenas de Foz e de fóra conviven, relaciónanse e fan amizades. Moitos deles agardan xa reencontrarse cos amigos que fixeron o ano pasado nestas actividades.