O Secretario xeral do PSOE, que mantivo un encontro cos veciños e veciñas de Beltrán, considerou “escandaloso o comportamento do PP, pois os veciños reivindican algo xusto, máis seguridade vial para os peóns nunha zona que é moi transitada, e a Xunta faise a xorda, non lles fai ningún caso e nin sequera responde ás súas reclamacións”. Santos Ramos anunciou que “os socialistas presentaremos unha Proposición non de Lei no Parlamento galego para dar solución a un problema de seguridade que a Xunta coñece pero non resolve”.
Máis dun ano esperando resposta da Xunta
O PSOE insta á Xunta do PP a solucionar mediante pasos de peóns ou calquera outra solución técnica este problema na iniciativa que vai presentar no Parlamento galego. Os socialistas toman a iniciativa xa que o Goberno galego ignora a petición de seguridade para os peóns que cruzan a vía que dá acceso á Vía de Alta Capacidade e ao camiño da Meixoeira .A inseguridade da zona foi denunciada por 72 veciños nun escrito dirixido á Delegación da Xunta que non tivo ningún tipo de resposta.
No escrito, presentado en marzo de 2017, veciños, traballadores e transeúntes pedían a instalación de pasos de peóns sinalizados para garantir a seguridade dos veciños de Beltrán no cruce da vía que dá acceso á Vía de Alta Capacidade e ao camiño da Meixoeira. Os asinantes lembran que coa posta en servizo da Vía de Alta Capacidade do norte de Lugo, creouse unha glorieta no punto quilométrico 98,230 da estrada LU-862 que dá acceso á VAC, quedando dividido o núcleo de casas de Beltrán e sen acceso a pé ao camiño denominado A Meixoeira, que ten entrada e saída á devandita glorieta e que serve de paso ás fincas, polo que os veciños de Beltrán transitan normalmente con apeiros de man e con gando. Tamén existe un campo de fútbol no que a diario se fan adestramentos e os asistentes cruzan o acceso ao devandito Vial para dirixirse a un restaurante situado nas proximidades da rotonda.