Site icon Crónica3.com A Mariña

O PP négase a auditar os contratos da Xunta para os helicópteros de incendios, salvamento, 061 e as adxudicacións da base de Rozas, denuncian os socilistas

Santiago de Compostela, 06 de xullo de 18. O responsable de Política Institucional do Grupo Socialista, Juan Díaz Villoslada, lamentou o veto do PP a unha proposta socialista presentada hoxe en Comisión para auditar os contratos da Xunta para os helicópteros do servizo de extinción de incendios, Salvamento, o 061 ou as adxudicacións da base de drons de Rozas.

Díaz Villoslada presentara na Comisión Institucional do Parlamento unha proposición non de Lei na que reclamáballe á Xunta que verificara os contratos de Babcock co sector público autonómico, así como “a posible concorrencia de prohibición para contratar da empresa que afectaran á validez dos contratos”.

Esta iniciativa foi presentada despois de que a Audiencia Nacional condenara á empresa, o pasado 8 de marzo, a devolver 6 millóns de euros defraudados a Facenda, ademais de máis de 3 millóns de euros de multa, por realizar “negocios xurídicos simulados” para defraudar á Facenda nun recurso resolto en 2015.

Máxima transparencia

O responsable socialista reclamou “a máxima transparencia e despexar calquera sombra de dúbida” sobre esta empresa, adxudicataria dos ditos servizos aeronáuticos, garantindo así a mellor competitividade, as condicións dos traballadores e a seguridade xurídica dos contratos coa Xunta.

Urxe ao goberno galego a analizar “se con motivo da situación fiscal da empresa algún dos contratos poida incorrer en supostos de nulidade ou se aprecian circunstancias de prohibición para contratar para este grupo empresarial”.

Acusou ao PP e á Xunta de demostrar que “unha vez máis non están dispostos a ofrecer a mínima transparencia”, logo de que a portavoz do PP aludira a unha investigación propia da Xunta que Díaz Villoslada criticou por estar “realizada polo propio goberno galego, de parte, e que ademais néganse a remitirllela ao Parlamento de Galicia”.

Exit mobile version