Site icon Crónica3.com A Mariña

O goberno de Barreiros xa gastou todo o orzamento dispoñible para mantemento de paseos, parques e xardíns, denuncia o BNG

Barreiros, 7 de xullo de 2018. O Bloque Nacionalista Galego de Barreiros vén de comprobar que o goberno municipal gasta sen control en determinadas partidas e como, aínda non a mediados de ano, xa gastaron 6.000 euros máis dos previstos na partida de mantemento de paseos, parques e xardíns.
“Esta situación non vén máis que a confirmar o que dicíamos desde o BNG na aprobación dos orzamentos: xuntan números para facerlles cadrar, pero a realidade é que o que pon o papel non se cumpre”, manifesta a portavoz municipal, Ana Ermida.
“A realidade é que o goberno municipal vai gastar aínda moito máis dos 60.000 euros que prevía gastar, o cal significa que ás empresas privadas que se están encargando desas labores, que non están feitas nin a medias, aínda lles queda moito por facturar”, afirman desde o BNG.
Para a formación nacionalista “o que non é normal é que en menos de seis meses, e cando aínda non se fixeron nin a metade dos traballos de desbroces e mantemento dos paseos, parques e xardíns, xa se gastara máis do previsto para todo o ano. E aínda quedan por facturar os traballos dos meses de xuño e xullo que, imaxinamos, serán os máis numerosos e os que máis gasto supoñan”, explica Ana Ermida.
Segundo o BNG, a consecuencia disto é que se segue cavando o burato económico de Barreiros, séguese despilfarrando diñeiro “porque ninguén pode explicar racionalmente que cos desbroces que se fixeron vaian gastados 66.000 euros” e séguese a acumular débeda que terá que asumirse aprobando esas facturas con cargo ao orzamento do ano que vén. “Están arruinando Barreiros e hipotecando a quen veña despois. Está claro que non lles importa o futuro do Concello. O único que lles importa é que os cartos públicos que xestionan acaben onde lles interesa”, conclúen.

Exit mobile version