O alcalde, Alfonso Villares, o edil de Deportes, José Ramón Soto, presentaron a proba, acompañados do responsable da sección de piragüismo do Club Deportivo San Ciprián, Iván González, e dunha representación dos participantes do Club local que competirán na regata.
En total estímase que serán uns 200 deportistas os que se darán cita no Encoro de Ríocobo este sábado, para competir nas categorías Benxamín, alevín, infantil, cadete, xuvenil e sénior; todas elas probas mixtas.
A competición comezará ás 10:00 horas, e está previsto que as medallas e os trofeos se entreguen contra as 13:00 horas.
Participarán o Club Fluvial de Lugo, o club de piragüismo Cidade de Lugo, o Club de Piragüismo Altruán de Ribadeo, o Kayak de Foz, o club de piragüismo de Viveiro, e o club local, o CD San Ciprián.
O rexedor desexoulle sorte aos representantes locais e apuntou que “desde o Concello de Cervo convidamos a todos, veciños e visitantes, a que se acheguen nesa xornada ao Encoro de Ríocobo e gocen desta competición e dunha contorna de luxo como é a que acolle esta proba”.