Site icon Crónica3.com A Mariña

O Concello de Ribadeo anuncia unha nova poxa do edificio da súa propiedade situado na rúa Bispo Veres. Hai dúas novidades, baixa o prezo e pode dividirse en lotes o inmoble

Ribadeo, 2 de xullo de 2018. O Concello publica hoxe no perfil do contratante da súa páxina web o anuncio de nova poxa do edificio, de propiedade municipal, situado na rúa Bispo Veres números 2 e 4. Hai dúas novidades, baixase o prezo de saída e permítese que poida realizarse por lotes. O inmoble número 2 sae por pouco máis de 50.000 euros, e o edificio do número 4 por 75.000 euros.
O alcalde, Fernando Suárez, anunciou que “no día de hoxe sae publicado no perfil do contratante da páxina web de Ribadeo este anuncio de poxa dun edificio, propiedade do Concello, que está na rúa Bispo Veres número 2, realmente son dous inmobles, os números 2 e 4”.
O rexedor lembrou que “son inmobles que o Concello inmatriculou hai tempo, é dicir que puxo ao seu nome despois de que infrutuosamente buscara aos seus propietarios para que se fixesen cargo das obrigas de conservación, de mantemento, de seguridade, etc…, e non foi posible. Despois dun proceso longo e complexo inmatriculámolo a nome do Concello, pero agora quere vendelo para que os seus novos propietarios os reconstrúan de acordo coas instrucións de Patrimonio”.
Suárez Barcia explicou que “despois dunha primeira licitación que fixemos hai varios meses, esta quedou deserta, polo que os técnicos municipais volveron a informar o expediente, e suxeriron dúas novidades, por unha banda baixar o prezo de saída da poxa e permitir que a poxa sexa por lotes, xa que as vivendas son dúas diferenciadas catastralmente”.
O alcalde ribadense detallou que “deste xeito o inmoble da rúa Bispo Veres número 2 sairía por un total, con IVE incluído, de 50.199 euros, e tecnicamente pódese facer planta baixa, primeira e segunda, en total son tres vivendas. O lote número 2, que é o inmoble da rúa Bispo Veres número 4, sairía por un prezo de 75.248 euros, IVE incluído, e aquí poderíase facer planta baixa, primeira e baixo cuberta, sendo neste caso unhas teóricas cinco vivendas”.
Fernando Suárez engadiu que “todos os interesados en plantexar ofertas terán vinte días naturais, contados a partir do día seguinte ao da publicación deste anuncio no perfil do contratante”. E animou “a todas aquelas persoas que así o queiran que formulen as súas ofertas, ou se queren ver o expediente que veñan ás oficinas xerais do Concello de Ribadeo onde se lles dará toda a información necesaria”.

Exit mobile version